Oporto empregará a Lugo como referente para a rehabilitación do seu Centro Histórico

Mércores, 23 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, recibiron hoxe aos responsables de Urbanismo da Sociedade de Rehabilitación Urbana da Baixa Portuense, Porto Vivo que se achegaron ata a cidade para coñecer o centro histórico lucense.

Acompañados polos responsables políticos e técnicos municipais, percorreron as zonas máis emblemáticas da cidade e visitaron os restos arqueolóxicos musealizados in situ. Esta forma empregada no concello de Lugo de poñer en valor os restos históricos atopados nas excavacións, chamou moito a atención dos resposnables portugueses que se plantexan exportar esta iniciativa ao Centro Histórico de Oporto.

A súa intención é definir e aplicar un modelo de administración territorial no que participen os diferentes actores locais e asuman responsabilidades na dinamización, valorización e mellora da calidade de vida do centro histórico. Por iso, na xuntanza mantida ao longo da tarde no Concello estiveron presentes representantes da hostalería e do comercio lucense, así como os responsables municipais do plan de Excelencia Turística, o Plan Estratéxico e a Empresa Municipal de Vivenda e Solo.

A visita de traballo, incluiu a exposición de proxectos moi importantes para a cidade de Lugo e que chamaron a atención dos responsables lusos como o Plan Urban ou a Área de Rehabilitación Integral do sagrado Corazón na que participan veciños e administración de forma conxunta.

O Plan Estratéxico do Concello de Lugo tamén foi outro dos temas que interesou aos representantes de Oporto, que viron nel unha posibilidade extraordinaria para elaborar un plan de traballo a seguir.
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, puxo o broche final á xuntanza celebrada no Salón de Plenos do Concello expresando a súa satisfacción por conseguir que o centro histórico da cidade sexa un lugar para vivir. Afirmou que “o éxito da pervivencia do centro de Lugo débese a existencia das dotacións do seu contorno como son os centros educativos, a plaza de abastos, o comercio, os establecementos hostaleiros, así como a ubicación da estación de autobuses”.

López Orozco agradeceu a visita dos responsables de urbanismo portugueses e indicou que “temos moito que aprender uns de outros xa que queda moito por facer e hai que manter as ganas e a ilusión para facelo”

Noticias relacionadas