A OMIC ofrece un catálogo de recomendacións para a compra durante as rebaixas de inverno

Luns, 07 de xaneiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O luns, día 7 de xaneiro, dará comezo en Lugo de xeito oficial, a primeira tempada de rebaixas do ano. As rebaixas teñen a consideración de actividades de promoción de vendas e por tanto están reguladas por lei, concretamente na 7/1996, do 15 de xaneiro, de Ordeación do Comercio Minorista.

Esta mesma normativa establece só dúas tempadas de rebaixas anuais, no mes de xaneiro e na etapa estival. A duración das mesmas ten un máximo de dous meses e nos anuncios deberá especificarse a data de comezo e de finalización.

É imprescindible que o negocio en rebaixa faga figurar con claridade o prezo anterior xunto co prezo reducido. Os artículos obxecto da venda tiñan que estar antes á venda e durante un prazo mínimo dun mes. Ademais, está prohibido ofertar, como rebaixados, artículos deteriorados.

Por tanto, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor recomenda aos cidadáns unha serie de medidas a ter en conta durante este periodo:
-Cando compre, esixa sempre o tique de caixa ou factura.
-Asegúrese de que a calidade do producto é igual á de antes das rebaixas.
-Dado que o etiquetado é a única referencia acerca da calidade, non compre productos sen etiquetar ou que non detallen a súa composición na etiqueta.
-Comprobe, na medida do posible, que o prezo é realmente inferior ó anterior ás rebaixas.
-Recorde que os establecementos que acepten habitualmente tarxetas de crédito, están obrigados a aceptalas tamén durante as rebaixas, sempre e cando o comerciante non poña un cartel anunciando o contrario.
-Se advirte algunha irregularidade reclame ante os servicios de consumo locais ou autonómicos.
-E, sobre todo, antes de comprar, reflexione sobre a necesidade real que ten do producto.

Noticias relacionadas