A OMIC de Lugo, grazas á súa mediación, resolveu o 91,4% das reclamacións presentadas no 2016, cifra récord dende a súa creación

Das 313 reclamacións presentadas ante este oficina municipal, os sectores que máis reclamacións reciben son o da telefonía, cun 22,7%, e o das eléctricas cun 19,8%

Luns, 13 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante o 2016, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) tramitou un total de 313 reclamacións de persoas usuarias que consideraron lesionados os seus dereitos por parte das distintas empresas. O mes que acumula un maior número de queixas foi o de setembro, con 43, sendo o de outubro o de menor, con tan só 8. Grazas á súa mediación, resolvéronse o 91,4% das reclamacións no 2016, unha cifra récord desta oficina municipal dende a súa creación.

As funcións principais desta oficina municipal son as de asesoramento aos e ás consumidoras para exercer os seus dereitos e a intermediación entre as persoas usuarias e as empresas para que, dunha forma amigable, cheguen a un acordo. Todo elo, rexistrando e dando xustificante da recepción das queixas e reclamacións dos consumidores e usuarios e a súa remisión as entidades e organismos correspondentes.

Os sectores que máis reclamacións reciben son o das empresas de telefonía, cun 22,7% do total, e o das eléctricas, cun 19,8% de todas as tramitadas. Así, os casos máis frecuentes, con respecto as telefónicas son, na súa grande maioría, por problemas de cobertura, mala prestación do servizo, garantías dos terminais, instalacións ou a conexión a Internet. As compañías eléctricas recibiron as reclamacións, sobre todo, por erros na facturación ou lecturas de contadores de modo incorrecto, por corte de subministración, mala prestación do servizo, incumprimento en prazos ou por cambios de compañía fraudulentos.

O resto dos sectores, que acumulan un 57,5% das restantes reclamacións, teñen unha porcentaxe, de xeito individual, moi baixo. Tanto o sector téxtil como o de calzado teñen escasas reclamacións, debido á información da que dispón o consumidor e ás boas prácticas de venta dos sectores.

Calquera consumidor ou usuario pode solicitar asesoramento deste servizo nas propias instalacións do Centro de Servizos Municipais, situado na Ronda da Muralla, 197, en horario de atención ao público de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Tamén poden contactar a través do Servizo Atención Cidadá 010, no teléfono e fax 982-297-273 ou na web municipal www.lugo.gal.

Noticias relacionadas