Oito empresas concorren ao novo contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo

Medio Ambiente deberá avaliar agora os estudos técnicos presentados antes de proceder á apertura das ofertas económicas

A licitación suporá un investimento de 134’1 millóns de euros e terá unha duración de 10 anos improrrogable

A adxudicataria deberá renovar todos os colectores, amplialos ata os 4.200 e engadir a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria

O contrato contempla, ademais, os máximos parámetros de sustentabilidade, aumentando o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos

Venres, 25 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Oito empresas concorren ao novo contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo

Oito empresas concorreron ao procedemento para o novo contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo.

O pasado 17 de setembro tivo lugar o acto público de apertura dos sobres que contiñan os estudos ténicos presentados á convocatoria. En total, 8 licitadores entregaron a correspondente documentación que agora deberá ser avaliada polos técnicos da área de Medio Ambiente co fin de determinar se se axustan aos parámetros recollidos no prego de condicións, antes de valorar as súas ofertas económicas.

A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior e que, segundo sinalou a propia rexedora, dá conta do cambio cuantitativo e cualitativo que suporá na prestación pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais - case 3.700 en todo o termo municipal - e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

A alcaldesa, Lara Méndez, sinala que este contrato suporá un fito co que avanzar na segunda transformación do Lugo verde e amable, deseñado xa durante o anterior mandato e que situará ao concello na vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade. Deste xeito, outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc... co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

Noticias relacionadas