A Oficina Municipal de Turismo bate un novo récord ao rexistrar no 2015 máis de 40.600 visitantes, un 5% máis que o ano anterior

O incremento de turistas prodúcese tanto entre os visitantes españois, 1.700 máis que no 2014, como nos estranxeiros, que aumentaron un 7% con respecto ao pasado ano, ata alcanzar os preto de 6.800 foráneos

Mércores, 06 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Oficina Municipal de Turismo de Lugo bate un novo récord, ao atender máis de 40.600 visitantes durante o ano 2015, máis de 2.000 visitantes que o ano anterior. O número de turistas que se achegaron á Praza do Campo aumentou 7 meses, especialmente en agosto, que foi o mes de maior afluencia, con preto de 10.400 visitantes. O incremento de turistas prodúcese tanto entre os visitantes españois, que sumaron máis de 33.900, preto de 1.700 máis que no 2014, como nos estranxeiros, que aumentaron un 7% con respecto ao pasado ano, ata alcanzar os preto de 6.800 foráneos.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, mostrouse satisfeita co incremento de visitantes, o que pon de manifesto, segundo a edil, que “Lugo se consolida como destino turístico cultural ao ofrecer unha oferta interesante para os visitantes”.

No que respecta ao turismo nacional, os madrileños continúan a estar á cabeza, representando un 18% dos visitantes españois, seguidos dos procedentes de Castela e León (3.848) e Cataluña (3.473). No que atinxe aos turistas estranxeiros, dos preto de 6.800 foráneos, 905 procedían de Francia, 769 de Alemaña, 634 de Italia, 524 de Portugal e 503 de Estados Unidos. Á Praza do Campo tamén se achegaron solicitar información arxentinos, brasileiros ou irlandeses, entre outros.

Os museos en cifras

Polo que respecta aos museos da cidade luguesa, recibiron máis de 31.300 visitas no 2015. A Domus Mitreo foi a máis visitada, con máis de 10.200 persoas no pasado ano, seguida da Casa dos Mosaicos, con arredor de 9.800, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), con arredor de 8.500 visitas ás súas instalacións. Á sala de exposicións de Porta Miñá achegáronse máis de 2.800 visitantes.

Noticias relacionadas