As obras de reforma do Fogar do Transeúnte permitirán duplicar a súa capacidade

Os traballos, aos que a área de Benestar destinou 39.000 €, permitirán ampliar o aforo do inmoble ata as 28 prazas e incrementar o confort do centro

A alcaldesa, Lara Méndez, e a edil Olga López Racamonde, visitaron estas depedencias municipais para coñecer de primeira man a evolución dos traballos

Sábado, 19 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As obras de reforma do Fogar do Transeúnte permitirán duplicar a súa capacidade

Lara Méndez supervisou o avance que segue a reforma do Fogar do Transeúnte á que, dende a área de Benestar Social, se destinaron 39.000 euros.

Acompañada pola edil Olga López Racamonde, puideron comprobar o nivel de execución dos traballos cos que se pretende, non só incrementar a habitabilidade das instalacións, senón tamén aumentar a súa capacidade.

A mellora prevista, segundo lembrou a rexedora, suporá unha ampliación do aforo ata as 28 prazas, “dando cabida a un maior número de usuarios coas garantías de protección e os espazos de seguridade necesarios”.

Lára Méndez lembrou que logo de declararse o Estado de Alarma, o Concello de Lugo habilitou o pavillón municipal do Deportespara poder acoller e atender nas mellores condicións ás persoas sen teito.

“Foi unha medida asistencial urxente coa que quixemos dar cobertura, con total inmediatez, á demanda existente na cidade sen mermar a calidade da prestación e, ao mesmo tempo, asegurando o cumprimento das medidas de illamento decretadas. Agora que esa fase, afortunadamente, rematou non podemos senón darlle continuidade ás politícas sociais que xa temos implantadas, apostandopola protección das persoas máis vulnerables da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a concelleira Olga López, explicou que as obras que se están levando a cabo mellorarán os accesos e a comunicación entre as diferentes plantas do inmoble, creando, ademais, no primeiro andar - no que tamén se renovará o pavimento - dúas unidades hixiénicas, unha delas completa, equipada con ducha.

Este tipo de dotacións se incrementarán tamén no espazo dedicado actualmente a sala de estar e se habilitará un cuarto propio para lavandería.

Igualmente, se procederá ao repintado de boa parte da edificación e se adaptarán á nova configuración dos espazos non só a instalación eléctrica senón tamén o paso de porta dalgunhas das estancias, velando polo cumprimento da normativa de accesibilidade.

“A finalidade desta actuación é que o Fogar gañe en versatilidade e confort pero tamén pretendemos dignificar non só a súa función senón tamén ás persoas que precisan recorrer a el”, destacou Olga López Racamonde ao tempo que puxo en valor o labor realizado polo persoal do centro, “cuxa implicación e compromiso vai máis aló de aportar aloxamento e manutención a quen o necesita”.

Xa para concluír, a concelleira de Benestar recordou que dende a súa área se trata de prestar unha atención primaria integral á cidadanía, “ben a través da emerxencia social, da axuda e o xantar no fogar, da atención nos centros de día, a erradicación do chabolismo, o control e prevención do absentismo escolar ou o apoio a inmigrantes”.

Multimedia

  • As obras de reforma do Fogar do Transeúnte permitirán duplicar a súa capacidade
  • As obras de reforma do Fogar do Transeúnte permitirán duplicar a súa capacidade

Noticias relacionadas