As obras de humanización de Agro do Rolo comezarán a finais deste mes de maio

Hoxe tivo lugar a sinatura da adxudicación das tarefas, valoradas en 223.000 euros, que o Concello acomete con fondos propios ante a negativa doutras administracións de colaborar

Para a Alcaldesa, esta actuación supón recuperar un novo espazo público para o uso da cidadanía, continuando ademais na liña do Goberno de converter a Lugo nunha cidade pensada para as persoas, na que cada vez ter máis espazos para gozar da cidade

A nova praza contempla, entre outros, unha zona de xogos cuberta, unha zona verde e mobiliario urbano

Venres, 12 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As obras de humanización de Agro do Rolo comezarán a finais deste mes de maio

As obras de humanización da Praza Agro do Rolo comezarán entre finais deste mes de maio ou a principios do mes de xuño, despois da sinatura da adxudicación de ditas tarefas, que tivo lugar este venres, no Despacho de Alcaldía.

Para Lara Méndez, esta actuación supón recuperar un novo espazo público para o uso da cidadanía, continuando ademais na liña do Goberno de converter a Lugo nunha cidade accesible pensada para as persoas, na que cada vez ter máis espazos para gozar da cidade. A meta do Goberno é facer de Lugo un concello amable coa veciñanza, e máis que nada, inclusivo. Ademais, dase resposta a unha vella demanda dos lucenses.

As tarefas consisten en mellorar a estética desta praza, que mide 4.235 metros cadrados, un proxecto do 2011, que foi revisado e actualizado á realidade actual. Están valoradas en 223.000 euros, que a entidade local asume con fondos propios ante a negativa doutras administracións de colaborar, tal e como lembrou a rexedora.

A humanización de Agro do Rolo contempla unha zona de xogos cuberta, duns 230 metros cadrados, unha zona verde, ubicada no lateral da praza, que consistirá na creación de tres camiños peatonais que comuniquen a praza coa rúa Anselmo Sanpedro, con bancos; e a zona central, onde o Concell colocará bancos e mobiliario urbano e plantará árbores. O prazo de execución é de 4 meses.

As actuacións detalladas
1. Cuberta para zona de xogos infantís
Á vista da climatoloxía da cidade, proxéctase a cuberta da área de xogos infantís co fin de que o aproveitamento da mesma sexa máximo. Deste xeito, contémplase a execución dunha cuberta adecuada para a protección fronte á choiva, formada por unha tensoestructura que abarca a totalidade da zona de xogos infantís. A cuberta será de poliéster de alta tenacidade con recubrimiento en PVC lacado en dúas caras, totalmente impermeable, e resistente tanto ao frío como á calor.

2. Zona lateral de acceso á praza dende rúa Anselmo Sanpedro
Co fin de crear zonas diferenciadas dentro da propia praza para o seu uso nas distintas épocas do ano, deséñase unha zona verde no lateral anexo á rúa Anselmo Sanpedro, dotándoo de tres accesos peonís que comuniquen directamente esta rúa coa praza.

Deste xeito, abriranse tres camiños de acceso peonil pavimentados en formigón impreso de textura e cor iguais ao formigón impreso existente na praza (textura imitación madeira e cor gris). Contémplase a achega de terras para modelado do terreo, contido por muretes de perpiaño de granito fincados. Esta actuación pretende a creación de formas irregulares e diferentes alturas mesmo nos bordos dos carreiros peonís, contemplándose a colocación de bancos sen respaldo nos bordos dos carreiros. Proxéctase así mesmo a creación dun bosquete de copas en marquesiña segundo unha matriz rectangular de moreiras (Morus Alba non fructificante), con separación de 5,5 metros. Finalmente, procederase ao encespado do resto da superficie.

3. Zona central pavimentada
Contémplase a implantación de alcorques e árbores na zona central da praza, creando así zonas puntuais de sombra na mesma. Dado que na actualidade a praza non conta con ningún tipo de arboledo, proxectouse a colocación de alcorques modulares prefabricados de formigón formando bancadas, que permiten a plantación elevada, neste caso, de Lagerstroemia Indica. Configúrase así un lugar onde sentar a descansar na zona central da praza, e a plantación de árbores no seu interior achegará frescura e sombra á contorna.

Na periferia da praza colocaranse bancos de estrutura de chapa de aceiro electro cincada e pintada en forno, con asento e respaldo en chapa de aceiro de 3mm, e patas e apoiabrazos pintados en cor.

Existen dúas entradas peonís á praza dende os viarios perimetrales, nas que se colocarán xardineiras circulares de diámetro 1350mm para evitar a entrada de vehículos á mesma. Complétase a actuación coa colocación de papeleiras.

4. Zona verde (trasformadores)
Na zona verde situada no lateral dos xogos infantís existen na actualidade dous transformadores soterrados. Proxéctase o axardinamento desta zona seguindo a estética do resto de zonas verdes da praza, de tal forma que se contempla un modelado do terreo suave encubridor, e a dotación de arboredo de sombra. Así mesmo, plantaranse arbustos e herbáceas tapizantes seguindo o modelado do terreo, e procederase ao encespado xeral do resto da superficie.

5. Zonas verdes perimetrais
No perímetro da praza existe unha franxa axardinada duns tres metros de ancho, na que se proxecta a plantación aliñada de palmas resistentes (Trachycarpus) con fustes elevados, e unha separación de 4,5 metros entre elas. Esta barreira verde pretende delimitar o ámbito da zona de estancia, illándoa e protexéndoa do viario urbano perimetral.

Audio

  • Firma contrato humanización Agro do Rolo - Alcaldesa | Descargar mp3

Multimedia

  • As obras de humanización de Agro do Rolo comezarán a finais deste mes de maio

Noticias relacionadas