A obra de 58 poetas galegos compón o novo número da revista Xistral

A Alcaldesa destacou a aposta do Concello pola cultura e a súa difusión durante a presentación do exemplar, o número 18

Xoves, 15 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación dun novo número de Xistral

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o coordinador da revista de creación poética Xistral, Camilo Gómez Torres, presentaron este xoves no Salón de Plenos un novo número desta publicación, editada polo Concello, que reúne a obra de 58 poetas de todo Lugo e Galicia, 33 homes e 25 mulleres, e está ilustrada coas reproducións de catro cadros de Xesús Blas Lourés, como homenaxe ao pintor, Fillo Predilecto de Lugo, recentemente falecido.

A rexedora salientou que a edición da revista, que chega ao número 18, enmárcase no firme a poio do Concello á cultura e a súa difusión, en todas as disciplinas e para todas as idades, pois “cremos que, ademais de entreter e divertir, a cultura ten unha gran forza transformadora para acada unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Lara Méndez destacou que a entidade local “conta cun prolífico servizo de Publicacións”, coordinado polo académico Darío Xohán Cabana, “que dá froitos tan bos como a colección San Froilán dos Devanceiros, da cal presentamos recentemente o último número”, ou a propia revista Xistral, “unha xoia literaria que dá voz e participación aos poetas galegos, tanto das novas xeracións como os consagrados”.

A Alcaldesa agradeceu a participación dos 58 autores que toman parte na publicación, así como o traballo do servizo de Publicacións e do coordinador de Xistral “por facer posible a continuidade desta publicación”, da que se editan exemplares.

Poetas e temas

Pola súa banda, Camilo Gómez destacou que nos 16 números da segunda etapa da revista poética participaron un total de 125 poetas -53 mulleres e 72 homes-, cunha media por edición de entre 50 e 54 autores, cunhas 6 voces novas cada ano e cunha fidelidade crecente, pois entre 6 e 7 escritores tomaron parte en todos os números de Xistral. Os temas abordados, indicou, son variados, entre eles o amor, reflexións sobre a vida e o seu alcance, a natureza, o idioma galego, a noite invernal, paxaros, discusións de parella, baleiros íntimos ou as vítimas de Angrois e mesmo, neste último número, artistas como John Lennon e Whitney Houston.

As orixes

A primeira revista Xistral naceu en 1949, impulsada por Manuel Antonio Sopena e por Manuel María, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas do próximo 2016. Daquela primeira Xistral saíron só dous números de 8 páxinas cada un.

No ano 2000, o Concello de Lugo, autorizado por Manuel María, iniciou a publicación da segunda época de Xistral, empezando co número 3, que se honraba cunha presentación asinada polo propio poeta chairego.

Desde aquela publicáronse 16 números, a razón dun número cada ano, cunha media de máis de cen páxinas.

O coordinador da revista é Camilo Gómez Torres. O Consello de Redacción está formado por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre.

Tras as intervencións da Alcaldesa e o coordinador de Xistral, varios poetas participantes no último número ofreceron un recital da súas obras.

Noticias relacionadas