O XX Festival de Teatro Universitario comeza o 1 de abril co estreo da obra Miosotis.Non me esquezas da compañía de teatro da USC

Xoves, 27 de marzo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro  García Herradón, o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a coordinadora da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, Paloma Lugilde, presentaron esta mañá o XX Festival de Teatro da USC-Lugo.

Carmen Basadre destacou que “o programa conformase en base a creación dun espazo de intercambio de experiencias no que a Compañía de teatro do Campus de Lugo actuará de anfitrioa e xogará o papel de nexo de unión das distintas universidades e escolas de teatro participantes” e sinalou a importancia da universidade na cidade xa que “creo que é fundamental que os cidadáns nos demos conta do papel que ten e debemos apostar pola cultura nestes momentos”.

Esta nova edición do Festival celébrase entre os días 1 e 9 de abril no Auditorio Gustavo Freire agás o día 5 de abril que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Nesta ocasión o Festival contempla dúas actividades complementarias, por un lado o día 6 de abril, entre as 16 e as 18 horas no Auditorio, un taller aberto de estudo teatral ao redor de Lorca. E por outro lado, ese mesmo dia, presentaranse pequenos  traballos/proxectos presentados por mozos e mozas galegos estudantes de arte dramática en escolas como a Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid e a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias ou a coreógrafa e bailarina Amparo Novas.

Tamén o 6 de abril a compañía Malaestirpe Teatro Universitario de Toledo, presentará a montaxe Calígula, baseada na obra de Albert Camus e dirixida por Alberto Álvarez.

A aula de teatro universitaria de Ourense Mariacastaña  presentará o 7 de abril en Lugo a peza Café Liberdade, de Fernando Acosta. Ao día seguinte, a compañía madrileña José Estruch representará Fuenteovejuna, de Lope de Vega. A creación colectiva Aparato, na que interveñen alumnos de cuarto curso de Interpretación Xestual da Real Escola de Arte Dramática de Madrid botará o pano a esta edición do festival de teatro universitario.

Multimedia

Noticias relacionadas