O Xurado Técnico do 10º Concurso de Tapas de Lugo otorgoulle os premios aos restaurantes El Riba, Paprica e Casa D¿Auga

Luns, 10 de novembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Turismo de Lugo, Carmen Basadre acompañada polo Presidente da Apehl, Cheché Real, e o Presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González, fixeron entrega esta mañá dos premios outorgados polo xurado técnico do 10º Concurso de Tapas de Lugo.

Carmen Basadre destacou, unha vez máis, “a importancia que este tipo de certame ten para o turismo da cidade ademais do dinamismo que crea nos diferentes barrios e o poder de atracción para turistas estranxeiros e doutras cidades galegas”.

O xurado técnico concedeulle o premio de mellor tapa tradicional a El Riba, que concursou cunha hamburguesa deconstruída de cogomelos e pementos con ovo ao alioli. A de mellor tapa creativa foi para o restaurante Paprica que presentou unha combinación de pescada, crocante de arroz negro e xeado de tomate asado. A Casa d’Auga conseguiu o premio ao de mellor maridaxe con viño da DO Ribeira Sacra grazas ao seu tartar de carne recheo de queixo do Cebreiro Marqués de Cernadas.

Por outra banda, Casa d’Auga tamén recibiu a placa que o acredita como autor da mellor tapa elaborada con queixo Marqués de Cernadas, e Canela Bakery Coffee a de mellor tapa ecolóxica, un aperitivo de xeado de iogur ecolóxico, tofe e Peta Zetas de chocolate, ambas distincións elixidas polo público.

Así mesmo, tamén se procedeu á entrega dos premios que se sortearon entre o público nesta edición do certame, entre eles un cruceiro polo Mediterráneo para dúas persoas, que lle tocou a José Ángel Lamas Peteiro, e unha fin de semana en Londres, da que gozará Roser Ares Fernández e o acompañante que elixa. Tamén Emilio López Carral, gañador do certame fotográfico que se levou a cabo en Facebook recibiu o seu agasallo, unha cea para dúas persoas.

Multimedia

Noticias relacionadas