O Xulgado autoriza ao Concello de Lugo a intervir no inmoble nº 48 da Ronda logo de apercibir aos propietarios ata en 30 ocasións

O edil de Urbanismo sinala que, nos próximos días, en canto o tempo o permita, comezará a asegurarse o edificio para acceder ao seu interior e inspeccionalo

O Concello poderá poñer fin agora a un expediente que leva máis de 15 anos comprometendo a seguridade cidadá, debido á falta de colaboración dos propietarios

Venres, 20 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Xulgado autoriza ao Concello de Lugo a intervir no inmoble nº 48 da Ronda logo de apercibir aos propietarios ata en 30 ocasións

O Concello de Lugo dispón xa da autorización do Xulgado do Contencioso – Administrativo nº 2 para entrar aos números 47 e 48 da Ronda da Muralla co fin de levar a cabo as obras necesarias que garantan non só a estabilidade do edificio senón tamén a seguridade de toda a cidadanía.

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, explicaba que “nas próximas xornadas, en canto a meteoroloxía o permita, comezará a valarse o inmoble, co obxecto de evitar posibles riscos para a poboación. E, de forma simultánea, se procederá tamén a instalar unha estrutura metálica que permita estabilizar a fachada, para retirar o entullo e tomar as medicións que se precisan para elaborar o proxecto de rehabilitación, explicou. Traballos para os que dispoñemos de dous meses, prorrogables”.

O edil estima que, “en cuestión de días, empezarán a darse os pasos para materializar unha intervención que os propios titulares da construción levan pospoñendo 15 anos, tempo no que de forma reiterada desoíron os requirimentos da administración local” e lembrou que, dende o 2001, ano no que se advirte por primeira vez da necesidade de actuar sobre a edificación, o Servizo de Urbanismo emitiu máis dunha trintena de resolucións, instando aos seus donos a corrixir as deficiencias que presenta.

“De feito, até o momento, o Concello impuxo un total de oito multas coercitivas ao respecto por importe de 43.000€ sen que causaran efecto algún, polo que, non nos quedou outra alternativa que solicitar a oportuna autorización xudicial para rematar, dunha vez por todas, o procedemento. A nosa máxima preocupación é a protección dos viandantes e, precisamente por iso, evitaremos que se siga adiando esta actuación de maneria inxustificada”, subliñou o responsable de Urbanismo Sostible.

Os traballos que, de xeito subsidiario, asumirá o Concello foran recollidos nunha Memoria Valorada que Evislusa elaborou en 2017, mediante encomenda de xestión, e consistirán, alén de asegurar o inmoble, en impedir que novas filtracións de auga incrementen o seu deterioro, co obxecto de recuperar o tránsito peonil ao seu carón, actualmente restrinxido.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a autorización xudicial, da Ronda 48 | Descargar mp3

Multimedia

  • O Xulgado autoriza ao Concello de Lugo a intervir no inmoble nº 48 da Ronda logo de apercibir aos propietarios ata en 30 ocasións

Noticias relacionadas