O XII Concurso de Tapas conquistará Lugo a partir deste xoves ofrecendo o mellor da riqueza gastronómica luguesa

Carmen Basadre e Cheché Real presentaron a nova edición desta cita, coa que colabora o Concello cunha achega de 15.000 euros

Martes, 06 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O XII Concurso de Tapas conquistará Lugo a partir deste xoves ofrecendo o mellor da riqueza gastronómica luguesa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, presentaron este martes no Salón de Plenos o XII Concurso de Tapas de Lugo, que acollerán un total de 44 locais hostaleiros da cidade do 9 ao 25 de setembro. O Concello colabora un ano máis con esta cita gastronómica cunha achega duns 15.000 euros, posto que se enmarca dentro do compromiso da entidade local co impulso do turismo de calidade.

Carmen Basadre salientou que “este tipo de iniciativas serven para dar a coñecer a nosa cidade, e facer bo o slogan promocional da hostalería lucense ... E para comer Lugo, que xunto con outras potencialidades, como os tres Patrimonios da Humanidade, contribúen dun xeito moi importante á promoción turística de Lugo en todo o mundo”.

Neste senso, a edil referiuse aos bos datos turísticos deste ano, xa que o número de visitas á Oficina Municipal de Turismo aumentou un 19% máis que o ano anterior, polo que convidou a todos os lucenses e os que nos visiten a participar degustando as diferentes tapas deste certame.

Pola súa banda, Cheché Real destacou os premios que se sortearán entre os consumidores que proben as tapas e as valoren do 1 ao 5, de menor a maior puntuación. Os clientes que cubran todos os selos, 44 en total, entrarán nun sorteo dunha viaxe a unha cidade europea para dúas persoas.

44 establecementos
Os 44 locais que participan nesta edición concorrerán cunha única tapa que se poderá degustar dende as 13:00 ata as 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas con prezos que van dende 1 a 3 euros.

A elección do gañador se fará de xeito popular, será o que teña a tapa máis votada. Haberá tamén un premio de tapa ecolóxica NaturaLugo, onde o público escollerá os 12 finalistas, correndo a elección final a cargo dun xurado profesional, outorgando o primeiro, segundo e terceiro premio, así como os distintos maridaxes con Estrella de Galicia e Ribeira Sacra.

Haberá, por cuarto ano consecutivo, unha recollida de fondos para o Banco de Alimentos de Lugo, campaña impulsada pola Asociación de Empresarios de Hostalería e o Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, que consistirá na instalación de huchas en todos os locais para a doazón de fondos para dita entidade.

Noticias relacionadas