O vindeiro luns inícianse os traballos de peonalización de Quiroga Ballesteros

As liñas 7A e 8 continuarán o seu percorrido pola Ronda da Muralla, Rúa Vilalba, Anxo López Pérez e Montero Ríos, onde retomarán o percorrido habitual

“Esta peonalización, xunto cos avances dados na Ronda da Muralla, son un gran paso adiante no novo modelo de mobilidade que terá Lugo”, declarou Rubén Arroxo

Xoves, 10 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O vindeiro luns inícianse os traballos de peonalización de Quiroga Ballesteros

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou que o vindeiro luns darán inicio os traballos de peonalización na rúa Quiroga Ballesteros, entre a rúa Montevideo e Santo Domingo. “Nun prazo de 10 meses, a veciñanza de Lugo contará cunha nova rúa peonil nunha das zonas máis importantes da cidade”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “no prazo dun ano, unirase tamén a peonalización da Mosqueira e a humanización da Ronda que se está a proxectar, o que transformará enormemente a mobilidade no centro da cidade”.

O proxecto inclúe a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e o mobiliario urbano para a nova rúa peonil. A obra foi adxudicada á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, cun orzamento de 732.000€, e ten un prazo de execución de 10 meses.

Rubén Arroxo afirmou que “seguimos traballando para gañar espazos para os peóns e a aplicar distintas medidas para o calmado do tráfico”. Para Rubén Arroxo, “a veciñanza de Lugo contará cun novo espazo peonil nunha zona privilexiada do casco histórico, entre a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, o Centro Social Uxío Novoneyra e a Escola Municipal de Música”.

Cambios nas liñas de bus urbano

A partir do vindeiro luns, as liñas 7A e 8 mudarán o seu percorrido para permitir os traballos de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros. “Trátase dunha medida temporal dado que no deseño das novas liñas se contou coa peonalización de Quiroga Ballesteros”, explicou Rubén Arroxo.

As paradas da rúa Montevideo, da praza de Santo Domingo e da Rúa Castelao deixarán de ter servizo destas liñas, que pasarán a percorrer e realizar paradas pola Ronda da Muralla, Rúa Vilalba, Avenida Anxo López Pérez e Montero Ríos, onde continuarán co seu percorrido habitual.

Audio

  • O edil Rubén Arroxo, sobre o inicio das obras en Quiroga Ballesteros | Descargar mp3

Noticias relacionadas