O VIII Torneo de verán de fútbol base Cidade de Lugo reunirá na cidade a máis de 500 deportistas de 28 equipos

Este torneo, que terá lugar do 2 ao 4 de setembro nos campos municipais das Gándaras, contará con equipos de Lugo, A Coruña e Ponferrada e coa participación tamén da categoría feminina

Xoves, 01 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O VIII Torneo de verán de fútbol base Cidade de Lugo reunirá na cidade a máis de 500 deportistas de 28 equipos

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o Xefe Territorial de Deportes, Manuel Otero “Cadramón”, e o Coordinador Deportivo da A.D.C. Sagrado Corazón, Daniel Díaz, presentaron este xoves no Salón de Plenos o VIII Torneo de verán de fútbol base Cidade de Lugo.

Miguel Fernández agradeceu “a aposta da A.D.C. Sagrado Corazón co deporte feminino, tan exitoso nestes momentos, e a importancia de que participen máis de 500 xogadores e xogadoras, polo que haberá unha importante afluencia de público, xa que todos estes competidores, reúnen unha gran cantidade de familiares e afeccionados, que terán a oportunidade de coñecer os atractivos turísticos de Lugo”.

O edil tamén destacou que “durante estes tres días Lugo converterase na capital do fútbol base, onde a gran maioría dos clubs da cidade darán comezo as súas respectivas pretempadas nestas categorías, tendo así o seu primeiro contacto coa competición”.

Pablo Rivera, explicou que "dende a Deputación mantemos unha aposta decidida polo deporte base. Sabemos que o futuro, como en todas as áreas da vida, depende da formación que lle demos á nosa xente. O deporte, ademais, permítenos imprimir unha serie de valores como o compañeirismo ou o respecto entre rivais, ademais do fomento dunha vida saudable, que son moi importantes. Por iso, celebramos a organización de torneos como o da A.D.C. Sagrado Corazón que reunirá durante tres días a máis de 500 promesas do fútbol na nosa cidade".

Por último, o Daniel Díaz agradeceu a colaboración de todas as institucións implicadas, que fan posible que este torneo xa vaia pola oitava edición, esperando continuar co mesmo durante moitos anos máis.
O torneo, que terá lugar do 2 ao 4 de setembro nos campos municipais das Gándaras, contará con máis de 500 deportistas de 28 equipos de Lugo, A Coruña e Ponferrada. Os participantes desta competición serán de categorías infantil, cadete e xuvenil masculina e infantil feminina. Haberá unha fase de grupos e unha final por cada unha as categorías.

Noticias relacionadas