O venres da vindeira semana remata o prazo do concurso de deseño gráfico para o cartel anunciador do San Froilán 2015

Tamén os menores de 15 anos poderán participar na creación do cartel para o San Froilán Miúdo 2015 do que remata o prazo o mesmo dia

Venres, 22 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que o próximo venres 29 de maio remata o prazo para participar no concurso de deseño gráfico do que sairá o cartel anunciador das Festas do San Froilán 2015 organizado polo Concello de Lugo.

O prazo para presentar os traballos está aberto ata ás 14:30 horas e os interesados poderán entregar ou mandar a súa obra por correo postal á Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua situada na Praza Maior nº1, 27001, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50x70 cm. e con 72 ppp de resolución (1417x1984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria ou a través de cultura@concellodelugo.org .

O Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2015 convida a todos os artistas, creadores e afeccionados a participar con traballos propios e orixinais que recollan o espírito das festas patronais lucenses, que están consideradas as máis populares de Galicia. As  técnicas son libres e, neste ano 2015, contribuirán a enxalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais de San Froilán.

Nos deseños debe figurar o texto: “Lugo, San Froilán 2015, 4-12 de Outubro, Excmo. Concello de Lugo” e os lemas “Festa de Interese Turístico Galego” e “Fiesta de Interés Turístico Nacional”. Tamén deberá aparecer o logotipo do Concello.O gañador do concurso, ademais de ter a honra de ser o autor do cartel que se repartirá por toda España, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

Tamén o próximo venres 29 remata o prazo para participar no concurso de deseño gráfico do que se seleccionará o cartel do San Froilán Miúdo 2015. Para participar os rapaces e rapazas deberán ter menos de 15 anos e o autor ou autora recibirá un agasallo valorado en 300 euros.

Noticias relacionadas