O vello matadoiro de Abella-Frimisa cederá o paso a un novo barrio e un complexo acuático

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisaron a demolición dos antigos matadoiros de Abella e Frimisa. Estas instalacións abandoadas cederán o paso ó cremento e desenvolvemento do barrio máis un complexo acuático con iniciativa pública e privada. "Hoxe é un día grande. Estes traballos darán paso a unha nova cidade", afirmou o Alcalde.

Acompañados das empresas encargadas da demolición e urbanización, o Alcalde e o Concelleiro de Urbanismo supervisaron a primeira parte dos traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses. A demolición conta cun orzamento próximo ós 600.000 euros e estase a realizar de xeito paulatino debido ós materiais delicados que existen na zona, razón pola que nalgúns casos será necesario o desmonte de pezas unha a unha.

O complexo industrial abandoado ocupa unha extensión total de 16.423 metros cadrados. A isto hai que sumar naves auxiliares e outras edificacións, ademais das rúas de comunicación dentro do complexo.

O Concello impulsou este proxecto que renovará o barrio: "Parecía que a cidade remataba na rúa Aquilino Iglesia Alvariño e toda a parte de atrás non existía. Este barrio vaise ver totalmente renovado. Con estas obras o 70% da superficie total vai quedar para extraordinarias dotacións públicas, novas rúas e zonas verdes", afirmou o Alcalde.

Complexo acuático
"Quero facer un chamamento que xa foi escoitado por empresarios da cidade. Cando o solo sexa propiedade do Concello porémolo a disposición de empresarios e emprendedores para ter un centro da auga que Lugo necesita", anunciou López Orozco.

O Alcalde comprometeuse publicamente, e así estará recollido no seu programa, a construír neste barrio un centro acuático. "Non só unha piscina, senón algo máis, queremos zonas de ocio acuáticas, spa, etc". Para iso contará coa colaboración da iniciativa pública e privada: "Espero que a oferta do Dtor Xeral de Deportes da Xunta de Galicia se manteña e eses dous millóns de euros que ofreceu para unha piscina en Lugo se invirtan neste centro acuático que dará servizo a toda a cidade porque o Concello non pode afrontar só esta obra". López Orozco pretende que este complexo teña prezos populares e oferte actividades para todas as idades.

Novo deseño do barrio
Na zona construirase unha nova zona residencial ó amparo dun proxecto innovador con bloques de diferentes alturas que ofertarán apartamentos e pisos de dous e tres habitacións. Disporá de novas rúas que comunicarán esta mazá co resto do barrio, o que suporá romper coa estrutura actual, que supoñía un impedimento ó desenvolvemento do entorno.

O edificios estarán rodeados de 35.000 metros cadrados de zona verde, con parques infantís e zonas de esparcemento. Ademais, as propias rúas serán dun ancho similiar aos 23 metros, o que permitirá facer medianeiras con zona verde. Todo o contorno contará con diferentes servizos dotacionais, con instalacións deportivas, etc. Todo isto estará complementado coa construción dun ambicioso centro comercial contemplado dentro do proxecto.

http://www.lugo.es/ws/Abella

Noticias relacionadas