O Vello Cárcere, testemuña dunha inédita exposición de fotografía iraní, que reflicte o conflito entre a liberdade e a censura

A mostra, da artista Niloufar Banisadr, está composta por tres series de fotografías, un total de 35. Trátase dunha exposición autobiográfica na que a autora amosa as contradicións entre a cultura iráni e a francesa, a dualidade da súa mente e entre dúas apariencias impostas

Irán, París, Lugo poderase visitar ata o 11 de marzo.  A propia artista ofrecerá unha conferencia o 1 de marzo, no auditorio deste centro cultural municipal, a partir das 20:00 horas

Venres, 02 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
IMG-20180203-WA0001

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada da Deputada de Cultura, Pilar Porto, inaugurou este venres, no segundo andar do Vello Cárcere, a exposición Irán, París, Lugo, da fotógrafa iraní exhiliada en París, Niloufar Banisadr. Ao acto tamén asistiu a comisaria da mostra, a directora da galería luguesa About Art, María Díaz, que dirixe esta exposición xunto cunha galería francesa, Belechasse París & Miami, cuxo director, Bertrand Scholler, tamén estivo presente na inauguración.

A exposición está composta por tres series inéditas de fotografías, un total de 35, que por primeira vez se expoñen todas xuntas. A obra reflicte o conflito entre a liberdade e a censura e suxire  unha loita sutil, unha loita para desfacerse dos grilletes da tradición. É unha mostra autobiográfica na que Niloufar Banisadr amosa a historia, os sentimentos a as contradicións entre a cultura iráni e a francesa, entre oriente e occidente, amosando, a través dunha apariencia provocativa, a dualidade da súa mente e entre dúas apariencias impostas.

No acto, Carmen Basadre convidou a vivir unha viaxe a través destas fotografías, un traballo testemuña dunha gran vitalidade cultural e dun desafío infinitivamente renovado que nutre a sociedade actual, a igualdade. A edil tamén fixo fincapé no lugar escollido para esta mostra, as que eran as celas de mulleres no Vello Cárcere, e nunha das series inéditas que conforma esta mostra, a que amosa mulleres encarceradas.

A mostra, que é de acceso gratuíto, poderase visitar todos os días da semana ata o 11 de marzo, en xornada de mañá, de 11:00 a 14:00 horas os luns, e en xornada de tarde, de 17:30 a 20:30 horas os martes, mércores e domingos; de 17:30 a 23:00 horas os xoves e venres, e de 17:30 a 22:30 horas os sábados. A propia artista ofrecerá unha conferencia o vindeiro día 1 de marzo no auditorio deste centro cultural, a partir das 20:00 horas.

Noticias relacionadas