O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións

Maite Ferreiro: “continuamos a avanzar na lembranza das persoas que foron represaliadas durante a ditadura”

A documentación aportada por este grupo de familias pasará a formar parte dos fondos do Vello Cárcere nun programa que leva o nome de  A TÚA MEMORÍA

Sábado, 30 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiu esta mañá ao Vello Cárcere, onde un grupo de familias entregaron documentación sobre familiares seus que foron represaliados nesta instalación durante a ditadura. Maite Ferreiro agradeceu a todas as persoas presentes a súa aportación, “que servirá para continuar a avanzar na lembranza de todas as persoas que foron represaliadas durante o franquismo, un dos obxectivos máis importantes do Vello Cárcere”. Con este programa, que leva o nome de  A TÚA MEMORÍA, o Vello Cárcere pretende ser un centro aberto e de doazón para todas as familias que desexen depositar documentación que posuan dos seus familiares.

A documentación aportada por estas familias pasará a formar parte dos fondos do Vello Cárcere, e a información será incorporada á exposición permanente O Vello Cárcere: da guerra á posguerra, seguindo en todo momento os desexos das familias. “Esta exposición é ao mesmo tempo unha homenaxe a todas as persoas que estiveron presas no cárcere durante a ditadura e un traballo de memoria colectiva, para que os crimes da guerra e da ditadura non caian no esquecemento”, afirmou Maite Ferreiro.

A exposición O Vello Cárcere: da guerra á posguerra xira entorno a este período histórico e político, cando esta instalación pasou a albergar a presas e presos políticos. A mostra comeza na cela colectiva, e continúa por todas as celas da pranta baixa, as antigas celas de homes. Familiares das persoas represaliadas colocaron, xunto a concelleira Maite Ferreiro, un ramo de flores no día próximo a defuntos adicado a todas as persoas que alí sufriron.

Multimedia

  • O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións
  • O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións
  • O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións
  • O Vello Cárcere recibe documentación sobre persoas represaliadas nas instalacións

Noticias relacionadas