O Vello Cárcere fala da súa historia a través dunha exposición

A mostra Un cárcere, unha porta e un xardín, de caracter gratuíto e situada na planta baixa deste edificio, permanecerá aberta os luns, en xornada de mañá, e de martes a domingo, de mañá e tarde

A través da exposición, todas as persoas visitantes poderán descubrir, grazas a medio cento de fotografías, documentos ou planos antigos dos séculos XIX e XX, como este emprazamento ampliou o casco urbán e o trazado urbanístico lugués

Xoves, 06 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere fala da súa historia a través dunha exposición

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este xoves a primeira exposición que acollerá o Vello Cárcere, tras a súa apertura hai unha semana. Trátase da mostra Un cárcere, unha porta e un xardín, de caracter gratuíto, que documenta e difunde a historia deste edificio convertido agora en centro cultural.

No acto de presentación, Basadre destacou que esta é unha oportunidade única para coñecer a importancia para a historia da cidade que supuxo a apertura do Vello Cárcere, o segundo cárcere modelo no Estado español. Previamente á inauguración da mostra, a Concelleira presentou, no auditorio deste mesmo edifico, o libro Memoria de pés Sem sombra, un poemario dedicado á problemática das persoas refuxiadas, con texto de Curra Figueroa e deseño de Celsa Sánchez.

A través desta mostra, elaborada pola Arquiveira Municipal, María Jesús Saavedra, todas as persoas visitantes poderán descubrir, grazas a medio cento de fotografías, documentos ou planos antigos dos séculos XIX e XX, como este emprazamento ampliou o casco urbán e o trazado urbanístico lugués, nas distintas épocas. Entre elas, a exposición destaca a apertura da denominada Porta do Bispo Izquierdo, e a conversión dun espazo de campo no Xardín de Canalejas, logo de García Morato, e despois Xardín do Cárcere, xurdindo ao lado o Mercado dos Cacharros e o Campo da Feira.

Horarios da exposición

Un cárcere, unha porta e un xardín permanecerá aberta na planta baixa do Vello Cárcere no seu horario habitual: os luns, de 11:00 a 14:00 horas; martes e mércores, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas; xoves e venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 23:00; os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:30; e os domingos, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas. A entrada é totalmente de balde.

Multimedia

Noticias relacionadas