O turismo en Lugo crece de novo no mes de maio, máis dun 30% respecto a abril

Unhas 3.600 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo en maio. Do total de visitantes, o 75% foron nacionais, principalmente de Madrid e Castela e León. Dos foráneos, destacan os alemáns seguidos dos estadounidenses

Luns, 06 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Oficina Municipal de Turismo de Lugo atendeu no pasado mes de maio preto de 3.600 persoas, cun incremento con respecto ao pasado mes de abril dun 31%, unhas 400 consultas máis. Así o avanzou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen tamén deu a coñecer que a media de consultas diarias foi de 116 persoas, rexistrando o día 30 de maio o maior numero de viaxeiros atendidos, 345.

A Concelleira subliñou a continua tendencia á alza do turismo, que se incrementa mes tras mes e ano tras ano, posto que con respecto a maio do 2015, o turismo aumentou un 10%. “Trátase dunha tendencia á alta sostida no paso do tempo”, subliñou Basadre, quen apuntou ás campañas de promoción, ás singularidades da cidade e á oferta cultural, de calidade, gratuíta e para todos os públicos e idades, que se ofrece dende o Concello de Lugo. “Temos que seguir esforzándonos para que o turismo de Lugo cada vez esté máis presente nas viaxes”, asegurou a edil, quen se mostrou máis que optimista de cara a chegada de viaxeiros no Arde Lvcvs e ao longo do verán.

Do total de visitantes do mes de maio, o 75% foron visitantes nacionais. As visitas de caracter nacional recibidas, como nos últimos meses, foron de Madrid e Castela e León, 543 e 422, respectivamente. O resto, de ámbito internacional, estivo marcado por visitantes de Alemaña, 149, Estados Unidos, 99, Reino Unido, 96 e Arxentina, 85. A edil insistiu en redobrar os esforzor para conseguir atraer máis visitantes foráneos, 921 no mes de maio, o mes que máis turismo internacional rexistrou no que vai de ano.

Un 14% máis de visitas aos museos

Pola rede musesística municipal pasaron en maio máis de 3.300 persoas, un 14% máis respecto a abril. A Domus do Mitro e a Casa dos Mosaicos son un mes máis os centros máis visitados, con 2.260 persoas. Ás instalacións vangardistas do MIHL achegáronse 629 perosas e polo Centro Arqueolóxico de San Roque e a Sala de Exposición de Porta Miñá, 440.

Audio

Noticias relacionadas