O TSXG dálle a razón ó Concello e denega a reclamación económica feita polo anterior Secretario Xeral

Luns, 11 de febreiro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de facer pública unha sentenza que lle dá a razón ó Concello de Lugo que desestima a reclamación económica formulada ó Concello de Lugo polo anterior Secretario Xeral do Pleno.

A sentenza do Alto Tribunal galego atendeu o recurso que presentara o Concello contra un fallo anterior ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, que fora desfavorable ós intereses municipais.

Na súa sentenza, a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG desestima a solicitude feita por Luis Regal Pavón que lle pedira ó Concello de Lugo o pago dunha gratificación do 30% das remuneracións correspondentes ó seu posto entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009 como compensación polo desempeño das funcións acumuladas do posto de Vicesecretaría ás de Secretario Xeral do Concello.

O Tribunal Superior explica nos fundamentos xurídicos da sentenza que “entende o recurrente que se procedeu por parte do Concello a acumular ás funcións propias do seu cargo, como Secretario Xeral do Pleno, ás do posto de Vicesecretaría”, sen embargo entende que a situación que deu orixe a esta reclamación era “máis propia dun nomeamento accidental”.

Por elo, o Tribunal Superior acordou estimar o recurso de apelación presentado polo Concello, revoca o anterior fallo xudicial e desestima o fondo da reclamación económica.

 

Noticias relacionadas