O transporte público de Lugo acada 82.000 viaxeiros máis no primeiro trimestre de 2011

Martes, 05 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Rábade informa de que a Policía Local puxo seis denuncias a pasada fin de semana a tres bares da Fonte dos Ranchos

O servizo de transporte público de Lugo tivo 82.777 viaxeiros máis no primeiro trimestre deste ano, segundo informou hoxe o Concelleiro de Transportes e Protección da Comunidade, José Rábade.

No mes de xaneiro os usuarios dos autobuses urbanos foron 165.210, 15.412 máis que en xaneiro de 2010; en febreiro a cifra foi de 185.5991, 37.689 máis que no mesmo mes do ano pasado, e en marzo houbo 205.100 persoas que colleron o bus, 29.176 máis que un ano antes.

Rábade indicou que este aumento nos pasaxeiros do bus débese en grande medida ó servizo de transporte público ó novo Hospital, que dispón de 50 servizos diarios. O Concelleiro indicou que o nivel de ocupación dos buses do Hospital ronda o 75% nos horarios de mañá que son os que rexistran máis usuarios.

José Rábade tamén explicou que este mes empezará funcionar en vinte paradas o sistema SAE de información en tempo real sobre a hora de chegada dos autobuses, unha mellora no transporte público “para que os usuarios non teñan que esperar polo bus a cegas “.

O Concelleiro de Transportes e Protección da Comunidade tamén se referiu ó dispositivo policial que controla locais de ocio na zona da Fonte dos Ranchos. A pasada fin de semana a Patrulla Verde da Policía Local presentou seis denuncias contra tres locais da zona, tres na noite do 1 ó 2 de abril e outras tantas na do 2 ó 3 de abril. Un dos locais foi denunciado dúas veces por infrinxir o horario de peche, outro tamén dúas veces por ter música no local para ambientar e o terceiro foi denunciado nunha ocasión por ter local para ambientar e noutra por dous motivos; ter música no local para ambientar e por excederse no aforo.

Respecto deste tema, Rábade manifestou que o dispositivo policial “está funcionando ben”, lembrou que é competencia da Xunta tanto establecer os horarios de apertura dos locais como poñer as sancións por incumprilos e sinalou que na carta que lle mandou no 2010 á Delegada Territorial da Xunta “había un local que acumulaba 14 denuncias da policía local”.

Sobre as competencias do Concello, que son as de ruídos e poñer música sen autorización, o Concelleiro de Protección da Comunidade informou de que no ano 2010 tramitáronse 49 denuncias a 37 locais e no que vai de 2011 foron denunciados 6 establecementos con unha denuncia cada un deles. O importe das sancións por superar o nivel de decibelios autorizado é de 601 euros e o de poñer música sen autorización de 300 euros.

http://www.lugo.es/ws/transportes

 

Multimedia

Noticias relacionadas