O tecido asociativo local pode solicitar dende mañá as axudas municipais para promover proxectos de dinamización económica

As organizacións interesadas en participar poderán presentar as súas solicitudes até o 3 de agosto, logo de que hoxe o BOP publique as bases da convocatoria.

As achegas, impulsadas polo Goberno de Lara Méndez, dende a área de Desenvolvemento Local, mobilizan un total de 57.500 euros co obxectivo de incentivar que as asociacións sen ánimo de lucro contribúan a xerar emprego.

Martes, 13 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O tecido asociativo local pode solicitar dende mañá as axudas municipais para promover proxectos de dinamización económica

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións sen ánimo de lucro para a dinamización económica que impulsa a área de Desenvolvemento Local, dirixida pola tenente de alcaldesa Ana González Abelleira.

Unha liña municipal, creada en 2020 como revulsivo ás consecuencias sociais nas que comezaba a derivar a pandemia e coas que o Goberno de Lara Méndez pretende pular pola recuperación económica do municipio e seguir ofrecendo apoio a todas aquelas iniciativas locais coas que se acade a xeración de emprego.

Poderán acollerse a estas achegas, dotadas con 57.500 euros, as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.

Tralo seu anuncio oficial nesta xornada, as entidades interesadas poderán solicitalas dende mañá e até o próximo 3 de agosto. As axudas terán unha contía máxima de 2.500 euros por proxecto coa que se pode cubrir até o 90% da acción que se promova.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, lembrou que nesta segunda edición o procedemento incorpora como novidade que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres para combater a discriminación feminina, que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

As bases completas poden consultarse na seguinte ligazón: http://concellodelugo.gal/gl/tramites/bases-xerais-reguladoras-para-concesion-de-subvencions-asociacions-e-entidades-sen-animo-de

Audio

  • A edil de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, sobre as subvencións ó tecido asociativo | Descargar mp3

Noticias relacionadas