O teatro afeccionado dáse cita en Lugo entre o 30 de outubro e o 2 de novembro

Carmen Basadre presentou as 4 obras que dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador se representarán no auditorio Gustavo Freire

As sesións, dirixidas a todos os públicos, terán lugar ás 20:00 horas

Mércores, 28 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basadre, no medio, na presentación do Circuíto Galego de Teatro Amador

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e dúas representantes da compañía Nova Escena Teatro, Consuelo Trinidad e María Márquez, presentaron este mércores no Salón de Plenos as catro obras que dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador se representarán no Auditorio Municipal Gustavo Freire dende o 30 de outubro ao 2 de novembro. O Concello colabora con esta iniciativa dirixida a todos os públicos, impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, dentro da súa aposta por promover o teatro afeccionado lucense e galego e por difundir o traballo dos grupos de teatro de Lugo.

No acto de presentación, Basadre destacou o impulso que se lle está a dar dende o Concello ao Auditorio Gustavo Freire. A Concelleira fixo fincapé no feito de que “este mesmo espazo sexa capaz de acoller coa mesma naturalidade representacións de grupos profesionais que viven do seu traballo sobre os escenarios, como a función musical Hacemos un trío? que tivo lugar o pasado agosto; como as dos grupos afeccionados, amantes naturais do teatro”.

Carmen Basadre aproveitou a ocasión para gabar o bo nivel de teatro afeccionado galego, “que nada lle ten que envexar ao profesional”; ao tempo que reivindicou a colaboración de administracións para pór a disposición das actrices e actores galegos que gozan dos escenarios medios técnicos de calidade.

Pola súa banda, Márquez e Trinidad agradeceron a colaboración do Concello para poder celebrar a décima edición deste circuíto de teatro ao tempo que convidaron a todos os lucenses a asistir ás diferentes funcións.

4 funcións para todos os públicos

O festival comezará o vindeiro venres, 30 de outubro, coa función Un día no circo da compañía teatral Paso de Valverde, de Arteixo. Este espectáculo, dirixido aos máis cativos da casa, conta a historia de Chukiño, un neno apaixoado polo circo, que un día descubre que a farándula dos Fratelli Fratellini actuará na súa vila. O sábado 31, será a quenda da compañía santiaguesa Teatro no Aramio, que representará Ulrike no Deserto, unha obra que recupera a historia da xornalista e militante de esquerdas alemá Ulrike Meinhof. O domingo día 1, a compañía ferrolá Max Teatro interpreta Vaia Tropa, unha comedia de enredo que relata a historia dun matrimonio que ve perigar a súa convivencia polas estratexias das súas nais que queren separalos, pois consideran que a diferenza de idade na parexa pode ser un fracaso matrimonial.

Finalmente, o luns 2 de novembro péchase este circuíto en Lugo coa representación de A Apócema, a cargo de Nova Escena Teatro, unha representación que relata a historia das catro principais meigas de Galicia, que convocadas por un druída, teñen a misión de arranxar o mundo.

Todas as sesións terán lugar ás 20:00 horas. O prezo das entradas é de 3 euros para os adultos.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o Circuíto Galego de Teatro Amador |Descargar mp3

Noticias relacionadas