O Skate Park estende até a madrugada o seu horario de utilización trala instalación de 4 columnas de iluminación

O Executivo de Lara Méndez avanza, así, na mellora das dotacións deportivas da capital, creando espazos axeitados que promovan un ocio xuvenil saudable

A intervención, na que se investiron máis de 10.000 euros, redunda tamén no incremento da seguridade do recinto.

Xoves, 24 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Skate Park estende até a madrugada o seu horario de utilización trala instalación de 4 columnas de iluminación

O Skate Park conta dende esta semana con maior e mellor iluminación que permitirá ás súas usuarias e usuarios desfrutar do recinto durante máis horas ao día en condicións idóneas para a práctica desta disciplina.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro Mauricio Repetto, visitaron a pista – acompañados pola asociación de skaters - para comprobar o resultado dos traballos executados nos que a área de Xuventude e Deportes investiu 10.108,34 €.

Segundo explicou o edil, a actuación consistiu na colocación de 4 columnas metálicas dotadas, cada unha delas, de dous equipos proxectores Led de alto rendemento cunha potencia de 250W. Para a súa instalación foi necesario proceder ao amarre das torres e conectalas á rede de terra existente na zona, así como ampliar os cadros eléctricos que dan servizo á dotación, de 887 m2 e habilitada para as dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ámbalas dúas zonas que outorga moita flexibilidade ao recinto.

“A esta versatilidade – afirmou a rexedora – engadimos agora a posibilidade de empregar o Skate até a unha da madrugada, cando está programado o cese do alumeamento público, aínda que este horario pode ampliarse en función da demanda dos colectivos e deportistas que fan uso del”.

Méndez lembrou que esta intervención se suma a outras xa realizadas nos últimos meses co obxectivo de aumentar as prestacións que ofrecen as dotacións municipais e referiu as materializadas en Frigsa, tanto no pavillón como nas canchas de tenis - coa cubrición dunha delas, á renovación do céspede dos campos de fútbol das Gándaras, á remodelación das Pistas Municipais de Atletismo Gregorio Pérez Rivera, a reforma do Pavillón Daniel Cordido da Piringalla e mesmo a creación do circuito de Motocross de Teixeiro.

“Aumentamos, deste xeito, as posibilidades de gozar na cidade dunha gran diversidade de instalacións, variadas e modernas, nas que teñen cabida todo tipo de usuarios, dende os máis experimentados até os principiantes e todas aquelas persoas que atopan no deporte unha maneira de coidarse e desfrutar do tempo libre”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Noticias relacionadas