O Servizo Municipal de Prevención das Drogodependencias informará á mocidade sobre os efectos negativos do alcohol

Venres, 05 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, realizará diferentes intervencións no botellón do Parque de Rosalía de Castro entre hoxe venres 5 de xuño e o sábado 27 todos os venres e sábados en horario de 23:00 a 2:00 horas.

A intervención consiste na ubicación dunha mesa informativa no parque, lugar que se converteu nos últimos anos no espazo elixido polos mozos de Lugo para facer botellón. Os monitores da actividade conversarán cos rapaces e lles informarán das repercusións e dos efectos negativos do consumo excesivo de alcohol. Ademais trátase de que sexan conscientes das súas responsabilidades e das consecuencias máis inmediatas: o perigo que ten mesturar alcohol e condución, o ruído que producen e molesta ós veciños da zona ou o estado de suciedade no que queda o parque despois do botellón.

Esta intervención que se realiza nesta zona de concentración dos mozos da cidade nas noites de fin de semana, tratarase de que tomen conciencia da perigrosidade que supón o alcohol e a condución, levando a cabo accións como o uso dunhas gafas especiais que provocan a sensación de ebriedade.

Noticias relacionadas