O Servizo de Información 010 do Concello atendeu máis de 59.500 consultas durante o 2015

Esta plataforma recibe diariamente ao redor dunhas 325 chamadas, atendendo de media unhas 4.200 ao mes

Mércores, 13 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Servizo 010

O Servizo de Información 010 do Concello de Lugo atendeu máis de 59.500 consultas durante o 2015. Esta plataforma de atención á cidadanía recibiu preto de 57.500 chamadas e máis de 2.100 correos electrónicos durante o pasado ano. Dende que entrou en funcionamento, en marzo de 2005, atendeu máis de 870.000 chamadas e correos. Os meses de maior volume de chamadas foron os de setembro e outubro, con máis de 7.000 e 6.000 chamadas, respectivamente.

O servizo, que na actualidade consta dun cadro de persoal composto por 4 axentes, atende diariamente ao redor de 325 chamadas, recibindo de media unhas 4.200 ao mes. A maior porcentanxe delas, o 47%, son demandas de información e refírense, maioritariamente, a como darse de alta e de baixa na subministración de auga, información para empadroarse, como solicitar a tarxeta cidadá ou información sobre o transporte público, entre outras.

En segundo lugar, figuran as chamadas para dar avisos de distintas incidencias no funcionamento dos servizos públicos, que representan o 31% das chamdas, e que adoitan ser para comunicar atascos na rede de sumidorios, avarías na subministración da auga ou limpeza de rúas e parques públicos.

De seguido, figuran as solicitudes de información sobre actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello, que supoñen o 16% das chamadas que atende o 010. E por último, o 6% das chamadas refírese á xestión e trámties como as inscricións para actividades organizadas polas diferentes áreas do Concello, a lectura do contador ou a xestión de duplicados de recibos.

O 010, que presta servizo en horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas, facilita información por outros medios, como as redes sociais ou mensaxería. Neste senso, o número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.463, e no de mensaxes de texto ao móbil, 1.950. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e Youtube. Na actualidade ditas canles contan con máis de 1.700 seguidores.

Noticias relacionadas