O sentido da circulación da rúa Primavera cambiará no tramo que vai do carril das Hortas ao das Flores para aliviar o tráfico en Fontiñas

A modificación foi aprobada pola Comisión de Tráfico da Policía, que tamén acordou melloras noutras 7 rúas: Padre Sarmiento, Río Ulla, Nicomedes Pastor Díaz, Ramos Misioné, Orquídea, Fontiñas e Paulo Favio Máximo

Martes, 01 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión de Tráfico da Policía Local, presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, aprobou adoptar unha serie de medidas para mellorar a accesibilidade e a seguridade de peóns e vehículos nas rúas Primavera, Padre Sarmiento, Río Ulla, Nicomedes Pastor Díaz, Ramos Misioné, Orquídea, Fontiñas e Paula Favio Máximo, ben tras peticións realizadas polos veciños e veciñas da cidade, como por iniciativa da comisión.

Unha das medidas acordadas que mellorará de maneira importante o tráfico é o cambio no sentido da circulación nunha parte da rúa Primavera, concretamente no tramo que vai do Carril da Hortas ao das Flores. Deste xeito, pasarase de circular do Carril das Hortas en dirección ao das Flores como ata o de agora a facelo do Carril das Flores en dirección ao das Hortas. Este cambio realízase co obxecto de mellorar a fluidez do tráfico na ronda das Fontiñas e dar acceso cara a rúa San Roque aos vehículos que se dirixen ao centro da cidade dende as rúas Montero Ríos e carril das Flores, sen ter que baixar ata a ronda das Fontiñas.

O cambio circulatorio na rúa Primavera implantarase en breve, cando as condicións meteorolóxicas permitan o pintado da sinalización horizontal e a instalación das sinais verticais.

Por outra banda, a Comisión de Tráfico tamén aprobou melloras noutras 7 rúas. En concreto: o pintado de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nas rúas Padre Sarmiento, Río Ulla e Nicomedes Pastor Díaz; dotar de sinalización a confluencia da rúa Ramos Misioné con Alfonso X para evitar confusión en canto ás prioridades de paso aos condutores; mellorar a sinalización nas interseccións da rúa Orquídea con Abuín e con Fábrica de Abella; e ampliar o espazo para os buses escolares diante do IES San Xillao co pintado da correspondente liña amarela en zig zag, ademais da modificación do horario para uso do transporte escolar (de 8:00 a 9:00 e de 13:30 a 14:30, de luns a venres, e de 16:00 a 18:30 horas, os luns) co fin de adaptalo ao horario do centro educativo.

Tamén se creará unha parada de taxis na rúa Orquídea tras a apertura do centro comercial da Abella. Así mesmo, pintarase sinalización de prohibición de aparcamento nun pequeno tramo da rúa Paulo Favio Máximo, xusto enfronte da entrada ao Parque de Bombeiros, en dirección Infanta Elena, para facilitar as manobras de saída aos camións de bombeiros.

Esta serie de medidas súmanse a outras actuacións que levou a cabo o Concello recentemente coa finalidade de mellorar a seguridade viaria na cidade. Entre elas, o desdobramento dun dos carrís na Avenida Duquesa de Lugo, concretamente do treito entre as rotondas da rúa Serra de Meira e da Monforte. Deste xeito, favorécese a fluidez do tráfico neste acceso á cidade no que se concentra un importante volume de vehículos. O Concello cambiou tamén o pavimento da rúa Conde por outro máis rugoso, na marxe esquerda entre Salmón e Río Sil.

Tamén se realizou a instalación de sinais con luces led en tres pasos de peóns para mellorar a seguridade viaria e dos peóns. Os indicadores instaláronse no cruce da Avenida da Coruña con Ramiro Rueda e nas inmediacións dos colexios Luis Pimentel e Divino Maestro.

Noticias relacionadas