O San Froilán celebra este luns o Día dos Maiores

A verbena coa orquestra Acordes e os concertos de Noelia La Negri e Mambo Jambo protagonizan este día, marcado por distintos pasarrúas en diversos puntos da cidade

Luns, 10 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O San Froilán celebra este luns o Día dos Maiores

O San Froilán celebra este luns o Día dos Maiores. O programa festivo arrincou ás 12:00 horas, cunha sesión vermú a cargo dos DJS Seven Airways Lugo Baila!, que animou a rúa San Marcos a ritmo de música electrónica. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen agradeceu a participación dos veciños e veciñas e visitantes por gozar desta fin de semana de San Froilán nas rúas e prazas de Lugo, así como nas distintas actividades, convidou a toda a cidadanía a participar nos actos programados para hoxe, dedicados aos maiores, así como nos dous días que quedan destas festas, declaradas de Interese Turístico Galego e Nacional.

Ás 18:00 horas dará comezo a verbena na Praza Maior coa orquestra luguesa Acordes, que leva máis de 25 anos ofrecendo o mellor da música nas festas. O humor tamén cobrará protagonismo nesta verbena a cargo da familia máis famosa de Lugo, Os  Pelúdez.

Ás 19:00 horas empezará o pasarrúas dos Campeiros de San Xoán pola zona do Castiñeiro. Collerá o relevo a charanga Malo Será, que porá son ás rúas Bispo Aguirre e á Praza Mártires de Carral.

Noelia La Negri e a compañía de flamenco sorprenderá na praza de San Marcos a partir das 20:00 horas cun espectáculo flamenco-feminista. Ademais, a noite será amenizada polo grupo Mambo Jambo, a súa contaxiosa enerxía e o peculiar exotismo da súa música, a partir das 21:00 horas en Santa María, e o gaiteiro Simón Piñón, na Praza da Soidade, unha hora máis tarde.

Mañá martes, o Concello homenaxeará ao Camiño Primitivo con maxia e unha andaina por esta ruta xacobea. Ademais, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidirá a recepción das Alcaldesas e Alcaldes no Camiño, no Salón de Plenos do Concello, ás 12:00 horas. O día do Camiño Primitivo, con distintos pasarrúas, charangas e concertos, ten como prato forte o concerto de Carlos Núñez e Ana Moura, ás 21:30 e 23:00 horas, na Praza Horta do Seminario e Santa María, respectivamente.

San Froilán Miúdo
No patio do Seminario os cativos continúan coa súa programación. Hoxe, día da ciencia e do cinema, entre as 17:00 e 20:00 horas, terán unha sesión de experimentos científicos e cine nunha caravana antiga reconvertida nunha pequena sala de cine móbil. Mañá será a quenda do baile artístico e o mércores, do jazz.

Ademais, continúa aberta a feira Gastroarte, así como a exposición da historia gráfica do San Froilán, en 5 puntos da cidade, e a mostra O cancro márcanos de por vida, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Máis información en www.sanfroilan.info

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o desenvolvemento do San Froilán e a programación do Día dos Maiores | Descargar mp3

Noticias relacionadas