O San Froilán 2016 busca imaxe para ilustrar o seu cartel anunciador

Carmen Basadre deu a coñecer as bases para participar no concurso de deseño gráfico do cartel do San Froilán deste 2016 e do San Froilán Miúdo. Os interesados poden presentar os traballos ata o 31 de maio na área de Cultura

O Concello mantén aberta unha votación para escoller os grupos que protagonizarán o San Froilán 2016. Pódese votar a través das redes sociais oficiais destes festexos

Martes, 10 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes as bases do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2016, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poderán concorrer cantos autores o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada un cantas obras considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

Tal e como anunciou a edil, “os deseños contribuirán a ensalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais, así como a nosa cidade no seu conxunto”.

Todos os interesados poden presentar os seus traballos ata o 31 de maio na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, na Praza Maior, ou por enderezo postal, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50x70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2016. Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 centímetros.

Carmen Basadre subliñou os aspectos obrigatorios a figurar nos carteis: Lugo, San Froilán 2016, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como as datas de celebración, do 4 ao 12 de outubro, e a imaxe corporativa do Concello. 

Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros.

San Froilán Miúdo

Pola súa banda, os deseños do San Froilán Miúdo deben incluír o texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2016. Os interesados deberán entregar o seu deseño tamén na Concellería de Cultura. Igualmente serán presentados de maneira anónima, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido.

O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros.

Máis información en www.lugo.gal

Un San Froilán ao xeito de todos

O Concello mantén aberta unha votación para escoller os grupos que protagonizarán o San Froilán 2016, tras abrir unha primeira votación para elixir os xéneros musicais que formarán parte destes festexos. Carmen Basadre, quen subliñou que a entidade local adaptará as actuacións musicais aos resultados desta enquisa á programación das festas, tendo en contra a variedade, o orzamento e a dispoñibilidades dos artistas, convidou a toda a cidadanía a participar para conseguir un San Froilán ao xeito de todos.

Os interesados en participar poden facelo a través das redes sociais oficiais destes festexos,  ben a través do Facebook (https://www.facebook.com/sanfroilan.info) ou do Twitter (https://twitter.com/SanFroilan16) ata finais de maio. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre os concursos para elixir os carteis do San Froilán|Descargar mp3

Máis info

  • Bases para o concurso de deseño gráfico San Froilán 2016|Descargar pdf
  • Bases para o concurso de deseño gráfico San Froilán Miúdo 2016|Descargar pdf

Noticias relacionadas