O Restaurante Arrocería Os Cachivaches gaña o XI Concurso de Tapas de Lugo coa tapa Néboa no bosque

Carmen Basadre destacou o esforzo realizado polos hostaleiros da cidade “nun traballo que fixeron con ilusión, creando novas presentacións de tapas”

Xoves, 12 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entrega de premios

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, Cheché Real, a representante do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Marta Villén Sierra, e o delegado de Estrella Galicia, Pedro Gay, entregaron este xoves no Salón de Plenos os premios aos gañadores do XI Concurso de Tapas de Lugo.

No acto Carmen Basadre destacou o esforzo realizado polos hostaleiros da cidade “nun traballo que fixeron con ilusión, creando novas presentacións de tapas, algo que a cidadanía valorou moi positivamente”. Tamén agradeceu a colaboración da Asociación Provincial de Hostaleiros, indicando que seguirán traballando conxuntamente en novos retos de futuro unidos á gastronomía, ao turismo e á cultura.

A Concelleira puxo en valor a importante potencialidade turística dunha cidade que conta con tres bens declarados Patrimonio da Humanidade, como son a Muralla, o Camiño Primitivo e a Catedral.

Gañadores

O gañador desta edición foi a Arrocería os Cachivaches coa tapa Néboa no bosque. O premio para a maridaxe con viño da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra corresponde á tapa Pescada de Celeiro primeiro anzol con ajoblanco, algas e a súa terra e chícharo negro, servida no Restaurante Campos.

A mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia foi para a tapa Berengurquer da Cerveceria Brios. O premio á mellor tapa creativa corresponde á tapa Néboa no bosque servida no Restaurante Arrocería Os Cachivaches. A tapa Paspallás dúas texturas ao viño mencía servida en As Tapiñas recibiu o premio á mellor tapa tradicional.

12 finalistas

Os locais finalistas, elixidos polos clientes, foron: A Rotonda, Arrocería Os Cachivaches, As Tapiñas, Bríos Cervecería, Bulló Xantar, Campos, La Encina, Mesón Colón, O Mercado Street Food, Paprica, Parrillada Antonio e Xoldra.

Xurado técnico

Un xurado visitou do 6 ao 8 de novembro os 12 locais hostaleiros finalistas no XI Concurso de Tapas para decidir cal é a gañadora deste concurso, a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e os mellores maridaxes con viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e coa cervexa Estrella Galicia.

Este xurado dirixido por Quique Rodríguez, socio fundador da revista gastronómica dixital Gastronomicum e cociñeiro do Hotel Villa Magna de Madrid dende o 2004; que estivo acompañado por Paco Sastre, chef do mundo empresarial e membro da xunta directiva da Asociación de Cocineros y Reposteros de Madrid; Jose Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; e Tono Múgica, xornalista da Revista Ben Bo.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o o XI Concurso de Tapas de Lugo |Descargar mp3

Multimedia

  • Entrega de premios

Noticias relacionadas