O responsable do Gabinete de Tráfico de Lugo forma parte do Grupo de Traballo Técnico de Seguridade Vial da FEMP

Martes, 08 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O responsable do Gabinete de Tráfico da Policía Local de Lugo, Manuel García Ferreiro, participou o pasado venres 27 de xuño en Madrid na primeira xuntanza do Grupo de Traballo Técnico de Mobilidade Urbana Sostible da Federación Española de Municipios e Provincias. O seu nomeamento fora proposto á Comisión de Traballo de Transportes e Infraestructuras na sesión celebrada o pasado 17 de xuño.

Esta Comisión é o órgano da FEMP competente neste ámbito e está integrada por vintecinco cargos electos de gobernos locais ou membros das Xuntas Locais que non reúnen a condición de concelleiro ou concelleira. Esta Comisión, da que o Alcalde de Puertollano é o Presidente e o Alcalde de Granada o seu Vicepresidente, estableceu dentro do seu Programa Anual a creación deste Grupo de Traballo Técnico de Mobilidade Urbana Sostible.

O grupo de traballo, do que forma parte o responsable lucense, intervirá na elaboración de informes e documentos, na realización de eventos e calquera outra actividade de carácter técnico, que no ámbito da mobilidade urbana sostible, realice a Comisión á que está suxeito.

Primeira xuntanza do grupo
Nesta xuntanza facilitouse a información xeral relativa ao Grupo de Traballo que ten como obxectivo promover entre os Gobernos Municipais o intercambio de información e experiencias no ámbito da mobilidade urbana sostible e a seguridade vial urbana. Ademais, este grupo tratará de fomentar as relacións coa Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, co Ministerio de Fomento, de Medio Ambiente e co Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, así como a cooperación con todas aquelas outras institucións ou organizacións que contemplen dentro dos seus obxectivos de actuación a mobilidade e a seguridade vial.

Propiciar a colaboración institucional entre as Corporacións Locais, a realización de actuacións, no eido da mobilidade urbana sostible e a seguridade vial urbana, fomentar que os Concellos promovan procesos participativos entre administacións e representantes sociais das cidades para establecer os criterios que deben rexir as accións que determinen a mobilidade desexada para a cidade, e o fomento do transporte público urbano, os medios alternativos, os viais seguros, a peonalización do centro, as áreas comerciais e de lecer, áreas trinta e os plans de transporte aos centros de traballo ou estudo por razóns de mobilidade, medioambientais, de seguridade vial e saudables, son outras das funcións do grupo de traballo.

Programa traballo 2008
Nesta primeira xuntanza analizouse o programa anual de traballo da Comisión que inclúe os seguintes puntos:

» Actualización da Ordenanza tipo da FEMP sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria do ano 2002.

» Constitución de Grupos de Traballo no ámbito da mobilidade urbana sostible e a seguridade viaria.

» Constitución de Grupos de Traballo no ámbito do transporte e as infraestruturas.

» Confección dunha base de datos de responsables técnicos de Concellos, Deputacións, Consellos e Cabildos Insulares nos ámbitos da seguridade viaria, mobilidade, transporte e infraestruturas.

» Elaboración de documentos, celebración de eventos e formación dos responsables técnicos e políticos das Corporacións Locais, en concreto:

- Celebración en Madrid dunha Xornada sobre Seguridade Viaria e Saúde Pública en colaboración co Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade e Consumo.

- Intervención da FEMP no Manual da DXT A mobilidade en autocaravanas. O contexto actual e as propostas de actuación

» Acción Formativa da FEMP sobre Plans Municipais de Mobilidade Sostible.

» Participación e difusión dos Premios e/ou Concursos relacionados coa mobilidade urbana sostible e a seguridade viaria (Premio Cidade Sostible da Fundación Fórum Ambiental)

» Promover a firma de Pactos pola Mobilidade e a Seguridade Viaria nas Cidades

» Fomentar a realización polos Concellos de Plans de Mobilidade Urbana Sostibles e Seguros.

» Fomentar a realización polos Concellos de Plans de Seguridade Viaria Urbana.

» Promover entre os Concellos a modernización do transporte público urbano, así como a mellora da súa frecuencia de paso, a súa accesibilidade, a expedición dos billetes e o seu financiamento.

» Asinar Convenio coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para fomentar a elaboración, polos Gobernos Locais, de Plans de Seguridade Viaria Urbanos mediante a imparticion de sete edicións dun curso de formación, a realización dun plan piloto para apoiar financieramente a súa realización en dez Concellos e a edición dunha Web que permita crear un banco documental nesta materia.

» Nomeamento das representacións institucionais de carácter técnico da FEMP.

» Coordinación cos traballos da Comisión de Ecoloxía e Medio Ambiente e a Comisión de Urbanismo e Vivenda.

» Coordinación cos traballos das Redes da FEMP: Rede Española de Cidades polo Clima, Rede de Gobernos Locais Biodiversidade 2010, Rede Española de Cidades Saudables e Rede UNIÓN OMICS.

Noticias relacionadas