O próximo xoves 13 estréase en Lugo a obra teatral Dias sen gloria interpretado por Manuel Manquiña

Martes, 11 de xuño de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede e do actor protagonista, Manuel Manquiña, presentaron a obra de teatro Días sen gloria que se estrea en Lugo o xoves 13 de xuño.

Carmen Basadre destacou que “esta obra de teatro forma parte dunha xira na que se fai unha homenaxe ao legado deixado polo escritor Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle adicou o Día das Letras Galega, e que recae en Lugo para que todos poidamos desfrutar da mesma”. Están previstas dúas sesións unha ás 11:30 horas para os centros escolares e de carácter gratuíto e outra ás 20:30 horas para o público en xeral. Estas terán un prezo de 5 euros para os adultos con desconto de 3 euros para menores, estudantes, xubilados ou desempregados.

Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta son os actores que  interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía Teatro do Aquí, fundada e dirixida por Roberto Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista.

Días sen gloria, dirixida por Fefa Noia, é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Multimedia

Noticias relacionadas