O programa Lugo Cultural duplicou o pasado ano o seu número de espectadores

Carmen Basadre, Eduardo Vidal e Carmen Silva presentaron a nova programación que comeza este luns, co primeiro concerto de Músicas a carón da Mosqueira

Xoves, 12 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O programa Lugo Cultural duplicou o pasado ano o seu número de espectadores

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios, Carmen Silva, fixeron este xoves na Domus do Mitreo balance da última edición do programa Lugo Cultural que ten xa 23 anos de historia na capital luguesa. A cifra de asistentes ás actividades deste programa pasou dos 2.500 espectadores de 2015 aos 5.144 do último ano, un dato que ofreceron en rolda de prensa os representantes das entidades que conforman este convenio.
 
Con el trátase de fomentar a participación da comunidade universitaria na vida da cidade e buscar espazos alternativos para potenciar o seu uso cultural, como por exemplo o desenvolvemento de Entre Lusco e Fuscono anfiteatro do Parque Rosalía de Castro ou os concertos a pé de pedra na Praza de Santa María.

Música
A programación de 2017 arrancará este luns 16 co ciclo Músicas a carón da Mosqueira, iniciativa que impulsa novos creadores e intérpretes dentro da música clásica. Terá lugar os terceiros luns dos meses de xaneiro a maio (16/1, 20/2, 20/3, 17/4 e 22/5) ás 20.00 horas na Casa do Saber coa colaboración do AIE.
 
A inauguración do ciclo corresponderalle este luns a Luís Mª Suárez e Ricardo Alí, que interpretarán obras de Brahms, Tchaikovsky, García Abril, Schubert, Sarasate e Falla nun concerto de violín e piano con entrada libre ata completar o aforo.

Como novidade, e complementariamente a este ciclo, este ano organizarase a partir de marzo a actividade Noite na Domus, unha proposta que busca achegar ao público xeral, os primeiros xoves de cada mes, a escavación da Domus do Mitreo e a súa historia cunha visita guiada do arqueólogo Celso Rodríguez acompañado polas formacións musicais Solo Voces, Germán Díaz e Lucus Ensemble, cada unha na súa respectiva xornada. Recrearán así nunha atmosfera de intimidade os momentos históricos polos que pasou este espazo.
 
Outras propostas no ámbito musical serán Lubican, para potenciar a presentación de novos traballos da música galega (os últimos xoves de febreiro, marzo, abril e maio); o foro ‘Os xoves de Moda’ para o intercambio de experiencias no ámbito das artes (terceiros xoves de febreiro, marzo e maio); Sons creativos (do 25 ao 28 de maio), que presenta a vangarda na música contemporánea interrelacionada con outras artes como a videocreación e a performance; e Entre Lusco e Fusco, con concertos do 7 ao 14 de xuño.

Artes escénicas

O teatro é tamén unha aposta forte de Lugo Cultural para a cidade, non en van a Aula de Teatro da USC-Lugo foi berce de moitas persoas que hoxe se dedican de maneira profesional ás artes escénicas. Neste senso, está prevista a celebración do Festival de Teatro Universitario do 22 ao 27 de marzo, que reunirá diferentes compañías de Galicia e que dedica unha xornada á exposición dos microproxectos nos que traballan estudantes de teatro que se atopan fóra de Lugo.
 
Ademais, o 22 de marzo o público lugués poderá asistir non só á estrea da nova produción da Compañía de Teatro USC-Lugo senón tamén á evolución da creación nos ensaios abertos. Así mesmo, a Compañía do IV Ciclo da Universidade porá en escena un traballo de investigación sobre Os Vellos non deben namorarse.

Igualmente, a danza non podía faltar nesta programación cultural habida conta que o Espazo de Danza da USC foi pioneiro na introdución desta arte na cidade. Os días 19 e 20 de abril celebrarán o seu tradicional Encontro.

Outras propostas

Volve tamén en setembro o Maratón Fotográfico do Campus, cada vez con máis relevancia e interese por parte da cidadanía, e a Findecurta (31 de marzo, 1 , 2 e 3 de abril). Ademais, ao longo de todo o ano está prevista a realización de diferentes performances en diversos espazos da cidade.

Noticias relacionadas