O programa Lugo Contigo facilita o acceso a un posto de traballo a 64 desempregados lucenses

Xoves, 19 de agosto de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

En total, foron 154 desempregados os que participaron neste programa de emprego. 64 foron contratados polas empresas onde realizaron as prácticas.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, fixeron entrega dos diplomas aos participantes do programa de emprego Lugo Contigo II. Trátase da segunda parte deste programa de emprego dirixido a persoas que contan con máis dificultades de acceso ao emprego, en especial a persoas con algunha discapacidade.

Un total de 100 participantes foron os beneficiarios desta segunda parte da segunda edición deste proxecto, que ten como obxectivo levar a cabo itinerarios personalizados de emprego co fin de acadar a inserción laboral: titorías e apoio personalizado.

Trátase dun programa de emprego, desenvolto polo Concello de Lugo e subvencionado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, realizado en colaboración coas diferentes asociacións de Lugo: ASPNAIS, Asociación de Xordos, COGAMI, FADEMGA, AUXILIA, SINDROME DE DOWN, FEAFES…

Os participantes nesta edición realizaron prácticas nas seguintes empresas da cidade:

- Cruz Roja Española acolleu a 15 persoas que traballaron no sector de auxiliar de axuda a domicilio e coidado.
- Calfensa Proyectos S.L acolleu a 6 desempregados que traballaron no sector da xardinería.
- Limpiezas Domiciliarias Lucenses contou con 8 participantes
- Urbaser S.A. contou con 3 desempregados como operarios de residuos sólidos e urbanos.
- Ingapan S.L. acolleu 10 participantes como operarios de produción e dependentes.
- Alalás S.L. acolleu a 3 persoas traballando como xerocultores.
Maderas Manuel Villamor S.L. contou con 17 persoas como operarios de serrería.
- Arroupar contou con 3 desempregados que traballaron como xerocultores
- Arenal Perfumerías S.L. acolleu a 6 persoas como mozos de almacén.

Fases anteriores

Lugo Contigo I acadou unha participación de 54 persoas, 24 homes e 30 mulleres, dos que 28 foron contratados polas empresas nas que realizaron as súas prácticas.

En total, foron 100 as persoas participantes en Lugo Contigo II, das cales 36 (18 homes e 18 mulleres) foron contratados polas empresas nas que fixeron as prácticas.

O programa de emprego Lugo Contigo I e Lugo Contigo II contou cun total de 154 participantes dos cales 64 foron contratados. Deste xeito, superouse o mínimo dun terzo (33%) que era obrigatorio contratar por parte das empresas, xa que obtiveron traballo, entre as dúas edicións, máis dun 40% dos participantes.

 

Noticias relacionadas