O proceso selectivo para o acceso en propiedade da praza de director da banda de música de Lugo dará comezo en decembro

O tribunal do proceso, que se constituirá o 1 de decembro, estará presidido polo director da Banda Militar de A Coruña. O día 3 celebrarase o primeiro exame

A área de Gobernanza estableceu, debido á pandemia, un protocolo para celebrar as probas coa maior seguridade para a saúde

Venres, 23 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O proceso selectivo para o acceso en propiedade da praza de director da banda de música de Lugo dará comezo en decembro

“O primeiro exame para concorrer á praza de director da Banda de Música municipal de Lugo está fixado para o 3 de decembro no edificio do CEI-NODUS, sito ao lado do Parque de Bombeiros, ás 16:00 horas” informou Paula Alvarellos, concelleira de Gobernanza, despois de asinar esta mañá o decreto da convocatoria coa publicación da lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

A edil lembrou que se trata dunha praza en propiedade, de acceso en quenda libre, que se rexerá por un sistema selectivo no que se esixe o título superior de Música ou equivalente na especialidade de Dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.

O tribunal, que se constituirá o 1 de decembro, estará presidido por Iván Rodríguez Armán, director da Banda Militar de A Coruña.

En canto ás probas a realizar polas persoas aspirantes, foi necesario establecer unhas pautas para ter en conta durante a celebración das mesmas, coordinadas polo servizo de Prevención de Riscos do Concello, ao tempo que se solicitará aos asistentes, colaboración na adopción de medidas e recomendacións realizadas para evitar o contaxio da pandemia e impedir a súa propagación co fin de garantir a seguridade de todas as persoas nos espazos habilitados na realización dos exames.

No primeiro exercicio, de tipo teórico, haberá que desenvolver por escrito, durante un prazo máximo de dúas horas, tres temas do temario adxunto no anexo da convocatoria. Terá unha valoración máxima de 10 puntos debendo obterse un mínimo de 5 para superar o mesmo.

O segundo exercicio constará de tres partes:

  • Na primeira, será necesario instrumentar unha obra ou fragmento musical con arranxo á plantilla proposta polo Tribunal durante o tempo que este considere oportuno, podendo utilizar para a súa realización o material bibliográfico que a ou o opositor estime
  • A segunda parte consistirá nunha análise completa (formal, estilística...) dunha partitura ou fragmento instrumental proposto polo Tribunal que a/o opositor poderá preparar en dúas horas e expoñer oralmente en 30 minutos, debendo contestar a cantas preguntas formule o Tribunal
  • E na terceira, terá que dirixir un ensaio da Banda Municipal de Lugo, con dúas obras que serán entregadas ás e aos aspirantes cun mes de antelación. O opositor disporá de 40 minutos, 20 por obra, para o ensaio ante o Tribunal e, a continuación, dirixirá, sen interrupción, as obras ensaiadas durante o tempo que indique o Tribunal

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a praza de Director da Banda de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas