O Presidente da Xunta visita as obras do Plan Paradai, na cidade de Lugo, nas que o goberno galego inviste 15 millóns de euros

Luns, 02 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, visitaron hoxe as obras do Plan Paradai, un conxunto de actuacións coas que se están a urbanizar os accesos ao barrio das Gándaras, no concello de Lugo, contribuíndo así á súa integración co resto da cidade. Os traballos de urbanización -que executa Política Territorial e que acadan un investimento de preto de 15 millóns de euros- favorecerán a expansión da zona das Gándaras, onde se está experimentando un notable crecemento e existe unha importante demanda social para que se dote de infraestruturas axeitadas para todos os cidadáns.

 

A día de hoxe están totalmente rematadas as obras de urbanización do entronque da avenida Duquesa de Lugo coa rúa Río Narla nas inmediacións da Ponte Romai, e dende a rúa Alta ata a Ponte Paradai, que se corresponden coa primeira e segunda fase respectivamente do plan de obras. Así mesmo, estanse ultimando os traballos da terceira fase, que se corresponde co treito da avenida Duquesa de Lugo que vai dende Ponte Romai ata Ponte Paradai e que hoxe visitaron o presidente da Xunta e maila conselleira de Política Territorial. Todas estas actuacións suman un investimento total de 6,4 millóns de euros.

 

Ademais, a CPTOPT ten previsto desenvolver unha cuarta fase que suporá un investimento estimado de 8,3 millóns de euros a maiores. As obras contempladas nesta cuarta fase que completará o Plan Paradai permitirán estender os traballos de urbanización ao outro lado das vías do tren e mellorar así a súa permeabilidade. Trátase de conectar o barrio das Gándaras co barrio Paradai así como toda a zona das rúas Serra de Meira e A Fervedoira, permitindo unha comunicación directa co centro de Lugo a través dunha nova Ponte Paradai, que solucionará definitivamente os actuais problemas de permeabilidade orixinados pola barreira física que conforma a vía do tren. Para levar a cabo estes traballos, Política Territorial está a ultimar un convenio de colaboración co Concello de Lugo.

Multimedia

Noticias relacionadas