O PP rompe o consenso da Corporación de garantir a boa convivencia no barrio da Ponte

A proposta dos socialistas, o Pleno esíxelle á Xunta de Galicia que dote ás vivendas do barrio da Ponte dunhas condicións dignas de habitabilidade

Xoves, 24 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Soamente o Partido Popular rompeu este xoves no Pleno o acordo da Corporación Municipal en torno a unha proposta socialista para esixir á Xunta de Galicia solucións para a boa convivencia no barrio da Ponte. “O estado de abandono dos edificos por parte do Goberno Autónomico obrigou a unha veciña a deixar a súa vivenda, e non queremos que isto suceda unha vez máis”, subliñou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana González Abelleira.
Deste xeito, a instancias do grupo municipal socialista, o Pleno, cos votos en contra do Partido Popular, aprobou instar á Xunta de Galicia, por medio do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a que dote ás vivendas do barrio da Ponte dunhas condicións dignas de habitabilidade.
“O Concello de Lugo defende a igualdade de condicións para todos os lucenses, nos que nos haxa cidadáns de primeira nin de segunda”, sinalou González Abelleira, quen lembrou que os veciños deste barrio xa protestaran, incluso antes da adxudicación das vivendas, polo estado dos edificios, que non cumprían coa normativa vixente, nin reunían as condicións pertinentes de salubridade.

“Os veciños e veciñas do barrio da Ponte necesitan solucións aos problemas de convivencia que padecen a cotío, excesivo frío, humidades ou cortes de luz e auga, entre outros, por iso dende o Concello lle solicitamos á Xunta de Galicia que de xeito urxente aporte solucións para a boa convivencia no barrio”, subliñou a edil.

Noticias relacionadas