O Polígono do Ceao mantén un peche perimetral da zona máis afectada polo incendio para garantir a seguridade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou a primeira hora os labores desenvolvidos durante a noite polo retén de control e deu conta aos empresarios afectados dos pasos que seguirá o Concello.

Efectivos de bombeiros realizan hoxe a medición dos niveis de monóxido de carbono na contorna para garantir que a volta ao traballo do persoal se faga en condicións de absoluta salubridade.

Un dispositivo especial de tráfico regula, dende o inicio da xornada, os accesos ao parque industrial para garantir a normalidade na circulación.

Luns, 12 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Polígono do Ceao mantén un peche perimetral da zona máis afectada polo incendio para garantir a seguridade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladouse, de novo, a primeira hora desta mañá, ao Polígono do Ceao para coñecer como evolucionaba a situación no parque empresarial, logo do incendio declarado onte e que afectou a varias naves industriais.

A rexedora reuniuse co xefe dos Bombeiros do Parque Municipal e anunciou que, ademais de manterse o retén de control na zona, desenvolvendo labores de enfriamento, nestes momentos os efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios de Lugo está a realizar unha medición para avaliar os niveis de monóxido de carbono non só nas empresas afectadas directamente polo lume, senón tamén nas da contorna, co fin de garantir que cando se retome a actividade nas mesmas, sexa con todas as garantías de seguridade e salubridade.

Lara Méndez supervisou “in situ”, xunto ao xefe de servizo de Arquitectura a situación na que quedaron os inmobles e avanzou que este departamento elaborará agora un informe para determinar o alcance dos danos estruturais que sufriron as edificacións que, nalgún caso, obrigarán á demolición de parte ou da totalidade das construcións. Unha circunstancia que a propia alcaldesa, lles comunicou persoalmente, esta mañá, aos empresarios durante un pequeno encontro que mantivo con eles ao pé das naves e onde lles explicou cales serán os pasos que dará o Concello comprometéndose, ao tempo, a “axilizar en todo o posible a tramitación para que poidan retomar, canto antes, a actividade nos seus establecementos”.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, que continúa no lugar dos feitos realizando un seguimento da situación, indicou que actualmente foi establecido na zona un perímetro de protección que imposibilita o acceso a aqueles espazos nos que todavía existe algún tipo de perigo derivado do alcance do incendio e clarificou, unha vez máis, que dende que se decretou o lume, a subministración de auga estivo garantida.

“A envergadura do incendio e, sobre todo, as consecuencias que tivo, non gardan ningunha relación coa presión nin co caudal da auga dos hidrantes do Polígono, que se atopa abastecido cun depósito propio. Todo apunta a que a extensión da superficie que se viu afectada polas chamas obedece á elevadísima carga térmica do foco que as propiciou e que facía incontible, axudada polas condicións climatolóxicas, a progresión das lapas”, sinalou Álvaro Santos.

Determinante no devir dos acontecementos foi tamén o tipo de materiais, altamente inflamables, que se almacenaban nestes negocios, entre os que a penas existía separación que actuase como cortalumes.

Nestes momentos, alén, mantense no Ceao un dispositivo especial de tráfico para regular a entrada e saída de vehículos ao mesmo, co obxectivo de garantir a normalidade na circulación.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta mañá no Ceao para avaliar a evolución do incendio | Descargar mp3
  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, esta mañá no Ceao para avaliar a evolución do incendio | Descargar mp3

Multimedia

  • O Polígono do Ceao mantén un peche perimetral da zona máis afectada polo incendio para garantir a seguridade
  • O Polígono do Ceao mantén un peche perimetral da zona máis afectada polo incendio para garantir a seguridade

Noticias relacionadas