O polifacético Álvaro Ledesma mostra a súa obra escultórica nas celas de homes e mulleres do Vello Cárcere

Xoves, 15 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O polifacético Álvaro Ledesma mostra a súa obra escultórica nas celas de homes e mulleres do Vello Cárcere

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou este xoves na inauguración da nova mostra do Vello Cárcere, centrada na obra escultórica do artista multidisciplinar vasco Álvaro Ledesma.

Nas celas de homes pode contemplarse a colección Marionnettes, formada por obras cun aire marcadamente teatral, con personaxes fantásticas e imposibles, creadas a partir de materiais reciclados, ferro, ferramentas ou trapos vellos; e nas celas de mulleres o espectador atopará unha completa Retrospectiva da traxectoria e evolución de Ledesma como escultor, quen, ademais de calidade, nas súas obras sempre presenta unha dualidade, dous elementos protagonistas, pero non complementarios ou en pé de igualdade.

Álvaro Ledesma (Errentería, 1975) é un artista multidisciplinar que traballou en campos tan diversos como a escultura, pintura, escenografía, literatura, vídeo, instalación e fotografía. Ademais, participou en multitude de proyectos como músico en espectáculos de teatro, recitais de poesía ou festivais de vídeo-arte.

A mostra Ledesma Obra Escultórica permanecerá aberta ao público no Vello Cárcere ata o día 1 de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 horas os luns; de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, os martes e mércores; de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:30 horas, os xoves, venres e sábados; e de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, os domingos.

O artista estará a disposición do público mañá venres pola mañá, no horario de apertura do Vello Cárcere, para facer visitas guiadas pola mostra ás persoas interesadas.

Noticias relacionadas