O Pleno valida a Conta Xeral do 2015, que avala unha situación económica saneada e estable do Concello

Isto é “froito do bo facer do Goberno, dunha xestión rigurosa e eficaz, e que é posible combinar contención do gasto e investimento”, tal e como explicou Ana Prieto

A débeda financeira municipal continúa baixando e caerá neste 2016 ata os 5,5 millóns de euros

Xoves, 29 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Pleno do Concello aprobou este xoves no Pleno Ordinario, cos votos a favor do Goberno e a abstención do resto de grupos políticos da Corporación, a Conta Xeral do 2015, que avala unha situación económica saneada e estable do Concello, “froito do bo facer do Goberno, dunha xestión rigorosa e eficaz, e que é posible combinar contención do gasto e investimento”, tal e como explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

A débeda financeira municipal continúa baixando, rematando 2015 con 14,5 millóns de euros, e caendo neste 2016 ata os 5,5 millóns tras a amortización de 2,8 millóns de euros contemplada no orzamento, e a amortización anticipada de 6,1 millóns de euros. Mentres a débeda se reduce o investimento por habitante “avanzou espectacularmente” a pesar da mala conxuntura económica, 105,85 euros este ano e 54,58 o ano anterior, sen aumentar ademais o esforzo fiscal por parte dos cidadáns, asegurou Prieto. Ademais os tributos municipais permaneceron conxelados.

A edil de economía, quen destacou así mesmo que o Concello cumpre de novo co obxectivo de estabilidade e tamén coa regra de gasto, “co que garantimos a sustentabilidade económica do Concello”, asegurou que o nivel de execución do Orzamento 2015 é do 71,55%, similar a exercicios anteriores, e o superávit ascende a 7,6 millóns de euros.

Noticias relacionadas