O Pleno aproba, por unanimidade, a Ordenanza de Corta e Saca da Madeira coa que Medio Rural regulará a actividade extractiva forestal no municipio

A normativa recolle, entre outros aspectos, as obrigas e prohibicións para o sector, o depósito de garantías para cubrir os posibles danos así como a tipificación das infraccións e as sancións a aplicar

Xoves, 30 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pleno aproba, por unanimidade, a Ordenanza de Corta e Saca da Madeira coa que Medio Rural regulará a actividade extractiva forestal no municipio

A Ordenanza de Corta e Saca da Madeira resultou aprobada inicialmente esta mañá pola unanimidade da Corporación no transcurso do Pleno Municipal de xaneiro, logo de que o equipo de goberno incorporase ao texto as emendas presentadas polos grupos da oposición.

 Desta forma, Lugo disporá xa no primeiro semestre de 2020 dunha normativa específica para poder velar pola protección e conservación das vías públicas municipais, en relación coas operacións forestais de corta, saca, depósito e transporte de madeira.

No propio documento faise constar a necesidade de compatibilizar o aproveitamento forestal coa conservación das dotacións públicas, a preservación do medio e a protección da paisaxe ante a importancia que ten o sector forestal extractivo e a incidencia desta actividade no termo municipal.

Deste xeito, o novo marco legal servirá para regular a devandita actividade non considerada de autoconsumo, establecendo un procedemento de autorización, as obrigas e prohibicións para as persoas responsables, o depósito de garantías que cubran os posibles danos así como a tipificación das infraccións e sancións a aplicar.

“Segundo a Ordenanza, a partir da súa entrada en vigor, para realizar tarefas de corta e saca de madeira en terreos con plantacións forestais pertencentes ao municipio, será obrigatorio presentar no rexistro unha solicitude de autorización por escrito, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio dos traballos. Unha petición na que deberán figurar, entre outros datos, a identificación do titular e a catastral  das leiras ou montes afectados, os lugares escollidos para o depósito da madeira á espera da súa carga, os camiños a empregar nas operacións de saca e transporte da mesma e o listado dos vehículos e maquinaria a utilizar no operativo, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado dos viais públicos que se usarán e unha copia da póliza de seguro de responsabilidade civil en vigor”, explicou Miguel Fernández.

O responsable de Medio Rural indicou tamén que a administración dará contestación, favorable ou desfavorable, nun prazo máximo de 15 días e, transcorrido ese período sen notificar, a autorización considerarase concedida.

En canto ás obrigas das madereiras, estas pasan por limpar, retirar ou eliminar todos os restos forestais procedentes da corta e saca e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden no mesmo estado que tiñan inicialmente.

“Ademais deberán tratar os restos forestais nas parcelas obxecto do aproveitamento para minimizar o risco de incendios, dando prioridade aos tratamentos que supoñan a incorporación destes ao ciclo produtivo forestal ou ao aproveitamento da biomasa forestal  (pellets, leña, etc.), así como retirar todos os refugallos non vexetais para os lugares autorizados e repoñer

 ao estado anterior os accesos e ramplas abertas para facilitar a entrada aos predios ou montes. Igualmente terán que sinalizar as zonas da realización dos traballos e as de acopio e responder dos danos ocasionados en todo tipo de instalacións e infraestruturas, como consecuencia da realización das actividades de corta a saca da madeira así como comunicar a finalización dos traballos”, engadiu o concelleiro.

 Fernández tamén referiu que quedará prohibido iniciar os labores sen contar cos permisos sectoriais correspondentes, usar as vías e áreas públicas como lugar de depósito de madeira e realizar movementos de terra que, polas súas características, requiran previa autorización.

“Igualmente as empresas deberán depositar unha fianza ou garantía en metálico ou un aval bancario a favor do Concello por cada operación de corta e saca co obxecto de responder dos posibles danos e prexuízos causados, e non reparados, por mor da actividade. Así, por tonelada de madeira extraída pagarán 0’50€; pola utilización de vías públicas con firme de terra, zahorra ou semellante 500€/Km e 1000€/km polas de formigón, asfalto ou aglomerado, ademais de 800€/km cando existan pontes, pontellas e demais elementos da infraestrutura viaria. Esta garantía deberá depositarse na Tesourería e, no caso das empresas que dentro do territorio municipal vaian realizar numerosas cortas ao longo do exercicio, poderán depositar unha única fianza anual por valor de 10.000 euros. O incumprimento deste requisito pode dar lugar a que a administración suspenda os traballos”, subliñou o edil.

Iso si, toda vez haxan concluído, a empresa poderá solicitar a devolución da garantía que se efectuará nun prazo dun mes, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais que comprobarán o estado de conservación e limpeza das vías e espazos de dominio público local.

Miguel Fernández trasladou tamén que a nova regulamentación tipifica as infraccións, “considerándose grave ou moi grave realizar calquera actividade relacionada coa corta e saca de madeira sen permiso, sen previo depósito da garantía, ou non realizar os traballos necesarios para que as estradas utilizadas se manteñan e queden en perfecto estado, etc... Cuestións, todas elas, que poderán ser sancionadas con multas de ata 300 euros se se consideran leves, de entre 300’01€ e 1.000€ se se cualifican como graves ou, se son moi graves, cunha contía que pode oscilar entre os 1000’01€ e os 3.000€”, concluíu.

Tras ser validada hoxe, de forma inicial, pola Corporación, abrirase un prazo de audiencia, non inferior a 30 días, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamacións ou suxestións e, unha vez resoltas, a Ordenanza deberá volver ao Pleno para a súa aprobación defintiva. Logo da súa publicación no BOP, entrará en vigor.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre o pleno municipal | Descargar mp3

Noticias relacionadas