O Pleno aproba outorgar, a proposta da Alcaldesa, as Medallas de Ouro da Cidade ao Colexio de Avogados, ao Lucus Augusti, á Cadena Cope e a Conchita Teijeiro

O acto de entrega das Medallas terá lugar mañá venres, 30 de novembro, ás 13:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial

Xoves, 29 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Pleno Municipal de Lugo aprobou na sesión ordinaria deste xoves, a proposta da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a concesión de catro Medallas de Ouro da Cidade,  concretamente ao Colexio de Avogados de Lugo, ao Instituto Lucus Augusti, á Cadena Cope e a Conchita Teijeiro. Votaron a favor da proposta, ademais do Goberno, os grupos municipais de Lugonovo, BNG, PP e Ciudadanos e abstívose ACE.

O acto de entrega das Medallas terá lugar mañá venres, 30 de novembro, ás 13:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial. Lara Méndez quere institucionalizar esta data, que marcou un antes e un despois en Lugo, coa declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade e puxo á cidade no mapa mundial, como data de entrega desta distinción.

Juridicum Luci Augusti Conventum Seguimur é o lema do Colexio de Avogados de Lugo que nace a principios do século XIX. Na celebración da primeira xunta, o 4 de novembro de 1839 elíxese a primeira xunta de goberno. A sede estivo instalada na planta baixa da Casa Consistorial. Ademais das funcións propias de caracter privada, asume funcións esencialmente públicas, dentro das que destaca a función social, en beneficio da cidadanía. Pola súa traxectoria de servizo á cidade durante estes 175 anos de vida se concede a Medalla de Ouro.

Pola súa historia, situación e instalacións, o Instituto Lucus augusti é hoxe non só un centro educativo no que se imparten ensinanzas de nivel secundario, senón tamén un edificio continuamente utilizado para cursos de formación e actividades de caracter social, cultural ou político; polo que se pode seguir condiserando como referente cultural na cidade coa que se identifica, mesmo nominalmente, desde hai máis de 175 anos. Ao igual que o caso anterior, pola súa traxectoria de servizo á cidade durante estes 175 anos de vida se concede a Medalla de Ouro.

Radio Popular de Lugo, Cadena Cope, é unha veterana dentro do dial, cunha longa historia que chega xa ao medio século, 50 anos de información feita por e para os lucenses. É un veciño máis da nosa cidade, un veciño que está no mellor da súa vida. Pola súa traxectoria de servizo á cidade durante estes 50 anos de vida se concede a Medalla de Ouro.

Conchita Teijeiro ten dedicado a súa vida a traballar a prol de ASPNAIS, dende principios dos anos setente ata a actualidades. Goza de consideración xeral entre os lucenses, entregou a vida a Lugo e aos máis precisados de axuda. Pola súa traxectoria de servizo aos máis necesitados durante toda a súa vida se concede a Medalla de Ouro.

Noticias relacionadas