O plan turístico Terras de Auga e Cultura fará unha ruta este domingo por Prógalo, Bacurín e o muiño do Paso

Xoves, 29 de agosto de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que está aberto o prazo de inscrición ata as 14:00 horas do sábado 31 para a novena visita turística organizada dentro de "Terras de Auga e Cultura", un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade. Esta nova actividade terá lugar o próximo domingo 1 de setembro.

Esta nova visita guiada levará aos participantes a diversas zonas rurais do Concello de Lugo, onde poderán participar nunha visita á igrexa de Prógalo e no que se comeza unha andaina que levará aos visitantes dende o castro de Prógalo descendendo ata Portafontao (Bacurín) e remátase en Bacurín. Dende alí, collerase o Camiño Primitivo para chegar ata a igrexa e o pazo e finalmente remátase en Vigo, un núcleo catalogado, polo que ten moito interese. Nese punto, o autobús recollerá aos viaxeiros para ir ao muiño do Paso e posteriormente farase unha parada para xantar no Mesón de Crecente.

A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (altura Porta de Bispo Aguirre) e volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Non son traxectos duros nin longos, polo que está recomendado para todos os públicos. Pódese levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e para a deste domingo, os interesados poden inscribirse ata as 14:00 horas do sábado 31 de agosto a través do 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).

Noticias relacionadas