O Plan Reanima inxecta 3 millóns de euros en axudas a 3.378 empresas e familias e Lara Méndez anuncia un segundo programa municipal de apoio de 2 millóns

A alcaldesa avanzou que as listas provisionais se publicarán nas próximas horas e que se abrirá un prazo de 5 días para presentar alegacións ou subsanar documentación

Foron aprobadas o 96,5% da das solicitudes presentadas ás dúas liñas de acción

A rexedora de Lugo contactará cos sectores produtivos para pechar con eles unha nova liña de axudas atendendo ás súas necesidades nesta fase de reactivación económica

Xoves, 11 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan Reanima inxecta 3 millóns de euros en axudas a 3.378 empresas e familias e Lara Méndez anuncia un segundo programa municipal de apoio de 2 millóns

Un total de 3.378 autónomos, microempresas, pemes e familias son as beneficiadas do Plan Reanima de axudas posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez para protexer os postos de traballo e amortecer a redución drástica de ingresos que propiciou a crise sanitaria do coronavirus.

“Supoñen o total do 96,5% das solicitudes presentadas xa que 122 foron desestimadas”, segundo avanzou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que comparecía esta mañá xunto aos edís de Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos e Mauricio Repetto, para dar conta dun primeiro balance cuantitativo sobre este pioneiro plan municipal de subvencións directas

Dos 5 millóns de euros habilitados ao efecto, as axudas concedidas supoñen un total de 2.966.400 euros para as dúas liñas de axudas: a 1, para o impulso económico e de protección do emprego, e a 2, para apoio da conciliación da vida familiar e laboral.

“Á espera de que a relación de persoas beneficiarias se confirme como definitiva, nun primeiro análise dos datos podemos concluír que o Plan Reanima se traducirá, finalmente, na concesión de 2.840 axudas asignadas dentro da Liña 1, por un importe de 2.904.000 euros, e de 538 na Liña 2, que suman 62.400€ máis”, sinalou a rexedora.

Méndez avanzou que ao longo desta tarde os listados provisionais serán publicados na web municipal, abríndose, nese intre, un prazo de 5 días para que as e os interesados no procedemento poidan presentar alegacións ou completar documentación, se fora o caso, “coa determinación política de que, unha vez remate este trámite, o Concello comece de inmediato a abonalas ás e aos seus perceptores”, engadiu.

A alcaldesa quixo destacar, unha vez máis, a dilixencia coa que a administración local deseñou e artellou este programa de axudas que “naceu nun momento de emerxencia coa vocación de protexer os postos de traballo e inxectar liquidez a autónomos, microempresas e pemes afectadas pola declaración do Estado de Alarma”.

“Nun prazo de dous meses, o Concello, que foi o primeiro en pór en marcha unha medida deste calado, preparou e publicou as bases, ademais habilitou a plataforma tecnolóxica para tramitalas e resolveu os máis de 5.300 expedientes”, abondou Méndez. Anunciamos

“A necesidade deste Plan – continuou – se reflecte asemade no interese que espertou xa que dende o 010 se atenderon máis de 7.000 chamadas ás que cómpre engadir as preto de 900 consultas realizadas a través dos teléfonos directos do Plan Reanima, os 1.000 correos electrónicos atendidos ou o asesoramento online ofrecido a máis dun cento de asesorías locais”.

“Neste punto, gustaríame agradecer o intenso traballo que desenvolveron as e os empregados do Concello das áreas de Informática, Rexistro e, especialmente do Centro do Emprendemento Municipal, para recepcionar as peticións da cidadanía, respostar ás súas dúbidas, volcar toda a información e resolver todos os expedientes presentados. E, por suposto, agradecer tamén o labor de Intervención, xa que as bases que puxemos en marcha foron as que marcaron logo as pautas nun gran número de concellos, non só de Galicia, senón do resto do Estado, e incluso dalgunha comunidade autónoma, para poder desenvolver iniciativas similares”, destacou.

II Plan Reanima

Lara Méndez aproveitou tamén a súa intervención para anunciar que os 2 millóns de euros que non se esgotaron nesta primeira fase do Reanima serán destinados a un segundo plan de apoio aos axentes económicos do municipio para darlle un novo pulo á súa reactivación.

“Para a súa posta en marcha, queremos ir da man dos sectores produtivos, mantendo a mesma liña de contacto permanente que tivemos con eles durante toda esta crise, co fin de escoitar as súas necesidades e fixar xuntos as novas liñas de axudas, pensando sempre no interese xeral dos e das lucenses. Para iso, a vindeira semana manteremos reunións con eles co obxectivo de traballar en todas aquelas ideas, medidas e propostas que sexan necesarias para seguir activando económica e socialmente o noso municipio, contando, ademais, co feito de que podemos actuar grazas á solvencia das finanzas municipais”.

A rexedora recordou que, ademais destas, nos últimos tres meses activáronse outras medidas co propósito de salvagardar os empregos. Entre elas:

  • O mantemento das empresas prestadores de servizos ao Concello, para evitar ERTES con case 700 familias beneficiadas;
  • O dispositivo posto en marcha para acelerar ao máximo o pago de facturas a provedores, aos que se inxectou liquidez por máis de 18 millóns de euros;
  • A exoneración dos alugueiros municipais tanto ás 44 empresas aloxadas no CEI Nodus como aos 66 comerciantes da Praza de Abastos e Mercado Municipal.
  • O aprazamento do pago de impostos, como o IBI e a non liquidación de taxas como as das terrazas da hostalaría.

Lara Méndez finalizou sinalando igualmente que 350 persoas participaron no primeiro programa piloto da EOI – Concello de Lugo para o relanzamento e modernización de empresas, autónomos e pemes e que 200 negocios secundaron os cursos de formación para xerar confianza dentro da estratexia Lugo Seguro. “Accións que se complementarán con outras que vos presentaremos proximamente”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan Reanima | Descargar mp3

Noticias relacionadas