O pintor Xavier Magalhães expón a súa obra dende hoxe e ata o mes de xuño no Museo Interactivo da Historia de Lugo

Son máis de 40 pezas nas que se aprecian os trazos enerxéticos e coloristas deste artista gran amigo e seguidor de Laxeiro

Xoves, 16 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle dende hoxe a exposición Bosques de faíscas (Os desherdados) que recolle con máis de 40 cadros unha ampla selección dos mellores traballos do pintor Xavier Magalhães.

Este pintor autodidacta galego-portugués, nado en 1953, mantivo unha gran amizade con Laxeiro co que inicia a súa formación no mundo da arte e que foi o impulsor das súas primeiras obras. A comezos da década dos noventa comeza a expoñer as súas obras e é recoñecido como un dos artistas notables no panorama galego.  

As obras de Xavier Magalhães caracterízanse por traballar con tintas de cores sobre papel nos que emprega pinceis de banda ancha para os seus trazos enerxéticos e agresivos. Con eles constrúe un mundo de figuras esquemáticas, de raíz neocubista e emparentados coa pintura francesa de Grommaire, creando obras en grandes formatos.

Por iso, cada cadro é unha correspondencia individual, e como tal ten que ser entendido en canto lle cause algunha emoción ao espectador. O espectador non pode tratar de buscar os condicionantes que motivaron o autor a realizar a obra, procura inútil se a obra non ofrece un diálogo novo para cada espectador no intre dunha nova observación, a cal non ten por que corresponder coa idea primixenia que foi o detonante da súa creación segundo explica o propio Magalhaes.

Desta maneira, e paseniño, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, sen deixar de ser un museo histórico, estase convertendo tamén nun centro de referencia para as artes contemporáneas. A literatura, a música, a danza, as artes escénicas en xeral, forman parte importante do que o MIHL significa para a nosa cidade. Pero os espazos arquitectónicos vangardistas do MIHL acollen e envolven con especial brillo e relevancia as artes plásticas, e nomeadamente a pintura, con exposicións de moi diversa ,entidade, entre as que destacan as de artistas recoñecidos, como é o caso de Xavier Magalhães, que consideran este centro como un lugar especialmente axeitado para amosar as súas creacións.

+ info

 

Noticias relacionadas