O pequeno comercio lugués dáse cita na Praza Anxo Fernández Gómez na VI Feira Outlet, coa que colabora o Concello

Lara Méndez inaugurou esta cita, na que uns 30 establecementos da cidade porán a venda con importantes descontos stocks de zapatería, téxtil, xoiería, fogar, beleza ou complementos

A VI Feira Outlet permanecerá aberta os días 13, 14 e 15 de outubro, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas

Martes, 13 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
VI Feira Outlet

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, e o deputado Álvaro Santos, inauguraron este martes a VI Feira Outlet que acolle a Praza Anxo Fernández Gómez. O Concello colabora un ano máis con esta iniciativa posto que se enmarca na súa aposta por promover a actividade económica da cidade e impulsar o comercio local.

No acto, ao que tamén asistiu a Secretaria Territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, a rexedora lembrou que o Concello destinou o pasado ano preto de 227.000 euros para subvencionar accións dedicadas ao comercio e pequenas empresas lucenses, das que se beneficiaron unha trintena de empresas que obtiveron axudas de ata 20.000 euros para investimento e contratación do persoal. Lara Méndez tamén destacou a “estreita e continua” colaboración que se estableceu entre Concello e Asociación de Autónomas de Lugo para dinamizar a economía luguesa e potenciar o comercio local tanto con esta feira outlet como con outras tantas actividades que desenvolven ao longo de todo o ano, como a Noite Aberta ou o Street Market.

Nas pasadas convocatorias, esta cita deixou uns beneficios de 3.500 euros por comerciante, “oportunidade que non podemos deixar escapar para revitalizar o sector do comercio, un sector estratéxico para o noso Concello, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos”, subliñou Lara Méndez.

3 días para mercar centos de produtos con importantes descontos

Un total de 27 comercios lucenses estarán presentes nesta nova edición da Feira Outlet, que acolle a praza de Anxo Fernández Gómez dende hoxe e ata o vindeiro xoves, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Nesta cita poranse á venda centos de produtos variados de stock con descontos de entre o 50% e ata un 80%, como vén sendo habitual, tanto de zapatería, téxtil, xoiería, fogar, beleza e complementos, entre outros.

Noticias relacionadas