O paseo do río Rato, escenario da carreira do Corre con Nós do vindeiro domingo

Máis de 2.700 corredores disputarán esta competición, que terá un recorrido de 6 quilómetros para os adultos e entre os 400 metros e os 3 quilómetros para as categorías infantís

Mércores, 10 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O paseo do río Rato será o escenario da carreira do Corre con Nós do vindeiro domingo, 14 de febreiro. Esta zona verde de Lugo acollerá esta carreira popular, enmarcada na 16ª edición do Circuíto Larsa Corre con Nós, que engloba 6 carreiras de xaneiro a xuño, sendo esta a segunda cita. Trátase dunha competición que terá un recorrido de 6 quilómetros para os adultos e entre os 400 metros e os 3 quilómetros para as categorías infantís.

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, avanzou que o circuíto do vindeiro domingo, cun trazado íntegro de asfalto, non se empregaba dende o ano 2011, “e que quixemos recuperar tanto pola demanda dos corredores, pois forma parte dos adestramentos diarios de gran parte dos lucenses que preparan esta carreira, así como polo seu entorno”.

Corre con Nós enmárcase na nosa aposta por fomentar actividades físicas deportivas así como no noso compromiso co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades”, subliñou Fernández, ao tempo que fixo fincapé no elevado número de participantes que unha vez máis concentra o Corre con Nós, máis de 2.700 neste caso, “o que da conta do éxito desta proba que está xa máis que consolidada”.

Saídas

A carreira partirá no comezo do paseo do Rato, á altura da Tolda, entre as 12:00 e as 12:30 para a categoría mini (nados no 2010 e 2011 e de carácter non competitivo), a categoría A (nados no 2007, 2008 e 2009), B (2004, 2005 e 2006) e C (2001, 2002 e 2003). Ás 12:45 horas terá lugar a saída para a categoría adulta.

As vindeiras probas do circuíto terán lugar os domingos 13 de marzo e 17 de abril, así como o sábado 7 de maio e o domingo 5 de xuño.

A recollida de dorsais dos novos inscritos ou de todos aqueles que non o fixeron para a proba anterior farase na tenda de deportes Ndorfina Sport, na praza de Campo Castelo, dende mañá xoves ata o sábado 13.
Máis información en www.lugo.gal

Audio

Noticias relacionadas