O Parque Infantil de Tráfico forma un verán máis a preto de 200 cativos en seguridade viaria

Miguel Fernández clausurou estas actividades, organizadas polo Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico

Venres, 29 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, clausurou este venres os XVI Cursos de Verán de Educación Vial, que tiveron lugar no Parque Infantil de Tráfico (PIT) dende o 4 ao 29 de xullo. Esta actividade amplamente consolidada, que organiza o Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, busca fomentar entre os máis cativos a aprendizaxe de hábitos de convivencia e respectar as normas de seguridade viaria. Ao acto de clausura tamén asistiu a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, e outros membros da Corporación Municipal.  

Durante a clausura, Fernández, quen fixo entrega dos diplomas aos partcipantes, convidou aos cativos a pór en práctica o aprendido ao longo deste mes, cumprindo coas normas de seguridade viaria. Neste senso, pediulles aos nenos e nenas que amosaran aos seus pais e nais o respecto que todos debemos ter ao código de circulación.

O voceiro municipal quixo deixar patente o agradecemento á Dirección Provincial de Tráfico pola súa constante colaboración e disposición con estas actividades, aos participantes polo interese que amosaron durante as xornadas que durou este curso e aos monitores e organizadores pola súa dedicación. Tampouco deixou pasar a ocasión de emprazar a todos os participantes a tomar parte en posteriores convocatorias.

Preto de 200 rapaces participaron nestes cursos, “importantes para concienciar á xuventude de que unha boa formación hoxe fará unha sociedade respectuosa o día de mañá”, segundo Fernández, dirixidos a mozos de entre os 8 e os 14 anos para kart e bicicleta, e entre os 15 e 16 para ciclomotor. Os participantes, agrupados por idade, recibiron formación teórica e práctica durante máis dunha semana.

Noticias relacionadas