O parque infantil da Avenida das Américas loce renovado cun novo pavimento trala reforma integral executada polo Goberno de Lara Méndez

A alcaldesa e o edil de Medio Ambiente supervisaron este xoves o remate das obras que incluiron a reparación dos xogos, a reposición do valado ou a humanización do entorno.

Así mesmo, a petición dos veciños, substituíuse o firme existente de area por un novidoso de caucho que inclúe figuras e xogos coloreados no propio pavimento.

Lara Méndez: “Trátase da primeira área de xogos infantís do municipio que conta cun pavimento destas características e marcará unha liña a seguir para futuras intervencións”.

Na actualidade, Lugo dispón de 80 zonas infantís e biosaudables. Ao redor do 20% foron reformadas ou construídas durante o mandato de Lara Méndez.

Xoves, 07 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O parque infantil da Avenida das Américas loce renovado cun novo pavimento trala reforma integral executada polo Goberno de Lara Méndez

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaron este xoves o remate das obras de mellora e renovación do parque infantil da Avenida das Américas, logo de que finalizasen as labores de  colocación dun novo pavimento de caucho en todo o perímetro, así como a instalación dun novo xogo para as nenas e nenos máis pequenos.

Lara Méndez explicou que “se trata da primeira área de xogos infantís da cidade que conta cun pavimento destas características e marcará unha liña a seguir para futuras intervencións”. O firme dos parques adoita ser de caucho liso ou de herba artificial, porén “como novidade nesta ocasión optouse por instalar un firme colorido, con figuras e xogos impresos no propio pavimento, como o da mariola, que farán as delicias dos máis novos incrementando as súas posibilidade de lecer”, subliñou.

A intervención obedece, ademais, ás demandas que os residentes na zona lle trasladaron ao Concello. Deste xeito, a rexedora deu resposta á súa petición de substituír o firme de área por un novo pavimento de caucho, máis seguro e acolchado para disfrute dos nenos e nenas. Así mesmo, executáronse traballos no conxunto do parque que permitiron a renovación integral da área, que nos proximos días reabrirá ao público, cun investimento municipal de 38.000 euros.

Actuacións executadas

Os traballos leváronse a cabo en tres fases. Nunha primeira, procedeuse á reparación do firme existente, mediante un reenchido de area co que se corrixiron os desniveis, especialmente naqueles puntos nos que presentaba un maior desgaste, redundando así na súa seguridade. A continuación, levouse a cabo a reparación, lixado e pintado dos elementos de xogo existentes e a reposición do valado perimetral de madeira, así como na colocación dun cartel informativo coas normas de uso do parque.

Finalmente, a actuación completouse coa colocación dun pavimento de caucho sobre unha soleira de formigón en toda a superficie, así como coa instalación dun novo xogo para as nenas e nenos máis pequenos, así como a súa correspondente certificación de que cumpre todas as medidas de seguridade, ademais realizouse a humanización da contorna reparando os bancos, incrementando o número de papeleiras e habilitando unha cancha de baloncesto ao carón do recinto.

Miguel Fernández explicou que “estamos levando a cabo un ambicioso Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís e biosaudables da cidade co que queremos abordar a renovación destes espazos, moi usados pola cidadanía, e que ademais do disfrute dos nenos e nenas permiten a convivencia e a sociabilización interxeracional”. O edil aludiu ás obras materializadas nas áreas de Novo Freire e Augas Férreas, “nas que os recintos cumpren unha función moito máis integradora xa que grupos de todas as idades poden desfrutar destes espazos propios pero tamén doutros compartidos, fomentando a interacción social”.

En total, Lugo conta con 80 parques infantís e biosaudables distribuídos por toda a capital, dos que máis  dun 20% foron rehabilitados ou construídos durante o mandato de Lara Méndez.

Noticias relacionadas